O novo ano chega tranquilo a Pontevedra, sen denuncias nin festas ilegais, fronte a un 31 con 12 infractores
Por Natalia Puga
O ano 2021 chegou a Pontevedra marcado pola tranquilidade. As policías Local, Nacional e Autonómica realizaron controis en distintos puntos da cidade e os axentes municipais centraron a atención en detectar posibles festas ilegais que incumpriran as normas acordadas fronte á covid-19, pero finalmente nin se detectaron infractores nin estas celebracións fóra das normas.
Segundo o balance facilitado pola Policía Local, apenas se rexistraron chamadas ao longo da noite na central do Corpo, tan só 29, e ningunha por sucesos graves.
Así, a maioría foron de persoas que pedían información e houbo catro chamadas de cidadáns que alertaban de ruídos en domicilios, pero nas catro vivendas a patrulla da Policía Local que se desprazou ao lugar non detectou infraccións por normas anti covid-19. Ademais, os ruídos pararon de forma inmediata coa chegada dos policías.
Durante a noite, a Policía Local si que tivo que desprazarse ata dous domicilios de Pontevedra por persoas maiores que sufriran caídas sen gravidade ás 2 da madrugada e as 7 da mañá
Esta tranquilidade non se deu na última tarde do ano 2020. Durante as últimas horas do ano vello a Policía Local si formulou 12 denuncias e tamén hai constancia de que a Policía Nacional desprazouse ata a praza da Verdura por unha pelexa.
No caso das actuacións da Policía Local, denunciaron tres persoas na praza da Verdura "por desconsideración e respecto", infraccións que serán tramitada pola Subdelegación do Goberno; e denunciaron un local por carecer de licenza.
Ademais, interpuxeron oito denuncias relacionadas con incumprimentos das normas fronte á covid-19. Sete foron por non levar máscara nas prazas da Verdura e Méndez Núñez e outra na praza de Méndez Núñez a unha persoa que non xustificou un desprazamento a Pontevedra por agrupación familiar.
En Marín, segundo informou o Concello, a noite foi "tranquila", sen incidentes dignos de destacar máis aló de algunhas chamadas porque estaban a tirar petardos.
Relacionadas:
-
Desaloxan dúas prazas de Pontevedra por "quedadas" que se descontrolaron
Por Alejandro Espiño |
-
14 denuncias entre o 30 de decembro e o 3 de xaneiro por incumprimento das normas covid-19 en Pontevedra
Por Redacción |
-
Denuncian nove mozos nunha festa ilegal de Noitevella en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Pelexa na praza da Verdura: un mozo recibe unha puñada na última tarde do ano
Por Natalia Puga |