Denuncian nove mozos nunha festa ilegal de Noitevella en Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía denunciou durante a pasada madrugada nove mozos que estaban a facer unha festa ilegal de Noitevella nunha casa de Bamio.
A noitevella transcorreu, en xeral, con poucas incidencias en Vilagarcía, dado que as restricións derivadas da pandemia da covid-19 obrigaba un toque de queda a partir das 1.30 horas da madrugada e impedía realizar as habituais festas de benvida do no ano. Pese a todo, si houbo algunhas intervencións
A máis grave foi esa denuncia a 9 mozos que se reuniran para celebrar unha festa ilegal. Os ruídos provocaron a alerta dalgúns veciños e conseguinte presenza da patrulla da Policía Local, que derivou no desaloxo e a identificación e denuncia dos nove mozos.
Durante a última tarde do ano a Policía Local tamén recibiu queixas de veciños por incumprimento dos horarios da hostalería e, xa de noite, polos ruídos procedentes de distintos pisos. En ningún dos casos esas queixas derivaron en denuncias.
Na praza de Ravella, un propietario foi identificado, despois de ter tido a música a alto volume dende o seu balcón ata preto da unha e media da mañá.
Nos controis realizados ao longo da tarde e noite, a Policía Local si denunciou por alcoholemia ao condutor dun vehículo.
Ademais, os axentes prestaron auxilio a unha muller que padece Alzhéimer e estaba desorientada pola rúa despois de saír a dar un paseo de noite.