Solicitan á Xunta que manteña as condicións do uso do pantalán de embarcacións tradicionais de Combarro
Por Redacción
A Corporación municipal de Poio acordou, no Pleno ordinario do pasado martes 29 de decembro, instar á Xunta de Galicia a que manteña as condicións da autorización do uso do pantalán de embarcacións tradicionais existente no Peirao da Chousa, en Combarro, e que se facilite a creación dunha mariña tradicional neste emprazamento.
Este acordo cristalizou grazas a unha moción conxunta elaborada polos integrantes do Goberno local, a petición do Club Mariño A Reiboa. Todos os grupos respaldaron de xeito unánime a proposta, que lembra que foi no ano 2011 cando Portos de Galicia procedeu á construción dun pantalán exclusivo para embarcacións tradicionais, e que foi cedido ao CM A Reiboa.
Segundo se recolle no documento, foi en 2017 cando se produciu unha modificación con respecto ás autorizacións anteriores, ao engadirse o pago dunha taxa que ata entón non se facía efectiva e que supón unha merma importante para unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve un labor crucial no mantemento e divulgación da tradición mariñeira.
Na actualidade estase renovando a autorización de ocupación do pantalán, sen que, de momento, se coñezan as condicións particulares desta renovación.
Deste xeito, a moción aprobada en sesión plenaria solicita ao Parlamento de Galicia a que se sume a esta petición, facéndoa extensible ao resto de instalacións que estean nunha situación análoga á de Combarro.
Ademais, ínstase á Consellería de Cultura, que desenvolva o Decreto 52/2019, concretamente á parte correspondente ao órgano de xestión de salvagarda do mesmo e ao censo de Embarcacións Tradicionais. A petición inclúe que a solicitude a Portos de que manteña as condicións da autorización de ocupación do pantalán, eximindo do pago da taxas, ou que sexa bonificada ao 100%.
Ademais, a Corporación coincide á hora de pedir ao ente autonómico que adopte todas as medidas oportunas para que no citado pantalán se poidan desenvolver as actividades de divulgación que corresponden a unha Mariña Tradicional. O Concello entende que esta moción pode axudar a que perdure o gran labor que leva desenvolvendo o CM A Reiboa desde hai máis de dúas décadas, no que se refire á defensa, conservación e promoción deste patrimonio de gran valor e vencellado á tradición mariñeira da vila.
Relacionadas:
-
O peirao de Combarro seguirá aberto para o uso de embarcacións tradicionais
Por Redacción |
-
Poio propón unha reunión entre Portos, Culturmar e a Consellería de Cultura para falar das embarcacións tradicionais
Por Oskar Viéitez |
-
A Reiboa de Poio rehabilitará o Galeón 'Luisa III' con 5.000 euros de axuda da Deputación
Por Redacción |