Sanxenxo reactiva o proxecto de humanización da contorna do colexio e da praza de Portonovo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo reactiva o proxecto de humanización da contorna do colexio e da praza de Portonovo para potenciar as zonas peonís e mellorar a seguridade viaria valorado en 833.633 euros. A actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, sufragarase con axuda da Deputación de Pontevedra e con fondos propios.
Ambas as administracións comparten o obxectivo de dar maior protagonismo e seguridade ao peón nun espazo tan concorrido de Portonovo.
Trátase da zona máis utilizada polos veciños xa que concentra varios equipamentos e edificios como o colexio, o mercado, comercios, o edificio usos múltiples, as pistas deportivas e o parque do Espiñeiro.
A actuación centrarase en mellorar a Rúa Areal, a travesía do mesmo nome, a Rúa Espiñeiro e a contorna do mercado. Necesita unha profunda actuación pois ten importantes deficiencias, beirarrúas estreitas e en mal estado, circulación de vehículos desordenada, mobiliario obsoleto, iluminación deficiente, así como falta de arboledo e zonas axardinadas.
CLAVES DA OBRA
Entre as claves da obra están a renovación de practicamente a totalidade da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, así como a substitución de toda a rede de iluminación pública, coa instalación de 67 novos farois ou báculos. Ademais ampliaranse e mellorarán as beirarrúas, separando o espazo de iluminación e os sinais de circuítos de tránsito.
A reforma inclúe espazos peonís e de cruces con baldosas de granito, a creación de zonas axardinadas e ampliación das existentes.
Ademais a rúa Areal manterá a súa dobre dirección, a rúa Espiñeiro terá sentido único dese Rafael Picó á rúa Areal. Outro cambio é o sentido da circulación da travesía de Areal, agora ten sentido de entrada e pasará a ser de saída que utilizará o bus de transporte público que parará na marquesiña.
A PRAZA DO MERCADO
Os arquitectos que desenvolveron o proxecto fan especial énfase na mellora da praza do mercado, que inclúe a chaira de aparcamento, a marquesiña e a zona verde adxacente a ambas.
Proponse unificar estes tres espazos cunha urbanización similar mellorando os camiños e o pavimento da zona verde, a utilización da marquesiña para o transporte público e ordenando a chaira de aparcamento anexa ao mercado. En lugar do asfalto actual, proponse pavimentar este aparcadoiro con laxa de céspede o que suavizará o seu impacto achegando unha imaxe en sintonía coa zona verde e o parque do Espiñeiro.