O 2021 abre as súas portas cunha masa de aire ártica moi fría
Por Redacción
As Rías Baixas despedirán o ano con chuvascos. Segundo as previsións do servizo de MeteoGalicia, os ceos preséntanse este xoves parcialmente cubertos, con choivas intermitentes, probables en calquera punto de Galicia. A medida que se achegue a noite serán máis illadas.
A cota de neve irá en progresivo descenso. Comezará nos 1.200 metros pola mañá e irá baixando aos 600 metros durante a noite. As temperaturas mínimas experimentan un moderado ascenso situándose entre os 8 e os 10 graos, unha temperatura máxima que non ofrece cambios.
Está previsto que durante esta noite de fin de ano entre aire moi frío, con xeadas nas zonas do interior, con vento do noroeste, moderado con intervalos fortes no litoral.
O 2021 comezará cun venres no que unha masa de aire moi frío procedente do ártico achegarase a Galicia desde o norte. Os ceos alternarán nubes e claros, con chuvascos, máis probables canto máis ao norte da comunidade. A cota de neve situarase entre os 600 e os 700 metros. As temperaturas descenderán lixeiramente para establecerse entre os 4 e os 9 graos. Os ventos seguirán soprando de noroeste, frouxos no interior, moderados na costa e fortes no extremo norte de Galicia.
A situación non variará durante o sábado 2 de xaneiro con aire procedente do Ártico. Os ceos alternarán nubes e claros na provincia de Pontevedra, con máis nubes canto máis ao norte, coa presenza de chuvascos, que será de neve por encima dos 600 metros. As temperaturas situaranse entre os 3 e os 10 graos, con xeadas en zonas de interior. Os ventos cambiarán a compoñente norte, moderados na costa e máis frouxos no interior.
Este aire que chega da zona ártica continuará durante o domingo e o inicio da seguinte semana. Serán escasas as posibilidades de que se rexistren precipitacións nas Rías Baixas e espéranse máis xeadas que neve. A partir do mércores existe incerteza sobre a evolución da atmosfera, coa opción de que se forme unha borrasca no Golfo de Biscaia aumentando, de novo, a probabilidade de precipitacións. As temperaturas ascenderán a medida que avance a semana.