Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta: "Hai motivos para a esperanza"
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo dirixiu unhas palabras de ánimo á cidadanía na súa Mensaxe de Fin de Ano.
Este ano o escenario elixido é o mesmo desde o que o titular do goberno galego comunica os datos sobre a evolución da pandemia, acordos relacionados coa situación sanitaria e medidas para combater a covid-19.
Desde ese mesmo atril a súa primeira mensaxe foi "para recordar a aqueles galegos que nos dixeron adeus para sempre por culpa da pandemia" e tamén ás súas familias e para todas as persoas "que neste ano tan difícil despediron a un ser querido por calquera razón".
Feijóo sinalou que "este foi un ano para esquecer. Pero tamén para recordar" e nese sentido quixo recoñecer o labor dos "profesionais sanitarios que deron o mellor de si para curar e salvar vidas" con especial mención aos expertos do Comité Clínico. Tamén se acordou dos "traballadores das residencias de maiores que os coidaron e os protexeron da soidade".
Nesta liña citou aos docentes "e aos nenos e adolescentes que se adaptaron a novas normas de maneira admirable", e ao persoal dos servizos "indispensables". "Todos admiramos aos que nunca se renderon, á xente solidaria que sentimos preto de nós neses momentos angustiosos", engadiu.
"Galicia afrontou esta proba inédita con resolución e sen medo", continuou o presidente da Xunta destacando que "a maioría da nosa xente mostrou o mellor de si".
Feijóo tamén incidiu en que ao longo desta pandemia "Galicia deu a talla como Comunidade e tamén como un conxunto de institucións capaces de traballar harmonicamente".
Nesa idea de "Galicia entendida como fogar común, como familia" o presidente da Xunta destacou a "complexidade das medidas que nos vemos obrigados a tomar" respecto a os efectos económicos que teñen na vida das persoas, especialmente, "autónomos, profesionais da hostalería", ou aquelas empresas que viven este Nadal "con incerteza de como afrontar todo isto".
A todos eles díxolles Núñez Feijóo "síntoo de todo corazón. Pero tamén sei que comprenden que cada medida adoptada en Galicia tivo como obxectivo protexelos a todos, a todos vostedes, e poder continuar como unha das comunidades con mellor comportamento nesta pandemia. Non é un consolo porque a afectación tamén aquí é moi importante, pero é unha motivación para seguir tomando as decisións que sexan necesarias o tempo que aínda sexa preciso".
Despois de pedir á cidadanía "que sigan sendo responsables" o titular do Executivo autonómico ha asegurado que "a vacina que os galegos xa están a recibir, e que se vai estender pouco a pouco, é o principio do fin" pero "non cometamos o erro de pensar que neste momento xa todo rematou, porque non é así".
Nun ton máis persoal, Alberto Núñez Feijóo apuntou que defende unha política: exemplar, baseada no consenso e "consciente de que fai falla defendela porque non sempre se practica".
Finalmente, referiuse ao simbolismo do Camiño de Santiago e ao Xacobeo do 2021. "Hai motivos para esperanza. Non temos certezas, pero si indicios de que esta mala etapa do camiño terá pronto un final, cando as vacinas que se están comezando a poñer cheguen a todos", coa convicción de que "cando ese momento chegue, Galicia está preparada para aproveitar as medidas de reactivación que a Unión Europea acordou".
Co desexo de "un mañá de apertas, xuntanzas e felicidade" remata a súa mensaxe de Fin de Ano o presidente da Xunta esperando que no 2021 "a Galicia ferida deixe paso á Galicia esperanzada que todos ansiamos e que sen dúbida chegará. Ánimo e adiante".