Os paxes reais recollerán as cartas dos nenos da Lama o 3 de xaneiro e os Reis Magos visitarán a Alameda o día 5
Por Redacción
Os paxes dos Reis Magos visitarán o vindeiro domingo día 3 de xaneiro todas as parroquias do Concello da Lama onde hai centro sociocultural e recollerán as peticións dos máis cativos para as súas Maxestades.
Dous días despois, o día 5, os propios Melchor, Gaspar e Baltasar estarán na Alameda da Lama ás 12.00 horas con todas as medidas de seguridade para saudar aos máis pequenos da casa.
O tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, deu a coñecer este calendario este mércores despois de visitar os participantes na actividade lúdica de Nadal 'Coeducando en Igualdade' que organiza o Centro de Información á Muller (CIM) da Lama e facilita a conciliación familiar nestas datas.
Ademais de facilitar a conciliación familiar, a actividade utiliza recursos lúdicos e educativos (xogos, dinámicas, obradoiros e actividades) para que os participantes teñan un achegamento aos conceptos de igualdade e equidade.
A actividade conta coa participación de sete pequenos de entre 3 e 11 anos empadroados no Concello da Lama e realizan actividades lúdicas coas que tamén melloran a psicomotricidade e a súa capacidade creativa e artística mediante o debuxo.
A actividade estará operativa ata que os cativos se reincorporen ao seu centro educativo en horario de 9.30 a 14.00 horas.
David Carrera visitou os participantes neste programa que coordina Anias dentro dun acordo subscrito co CIM. Corre a cargo da monitora pedagóxica Eva Souto.