O PP de Poio tentará tombar nos tribunais a subida do IBI aprobada polo Concello
Por Redacción
O Partido Popular de Poio levará aos tribunais a modificación da ordenanza do IBI que este martes aprobou o goberno local a través da que subirá un 25 % este imposto para os propietarios de vivendas baleiras.
"Pretenden subir un 25% do IBI ás vivendas desocupadas co único criterio de que nos últimos 6 meses non estea ninguén censado na vivenda pero ao ser este o único requisito que estableceron é ilegal xa que podes non estar censado nunha vivenda, por non ser a vivenda habitual, pero ter consumos de luz e de auga que indica que esa vivenda está habitada e non desocupada", argumenta o líder da oposición, Anxo Moldes.
Defenderán nos tribunais que "o tripartito non pode establecer a súa propia definición do que é unha vivenda desocupada". Para apoiar a súa tese, os populares defenderán ante o xuíz que "se existe consumos de luz e de auga nunha vivenda, esa vivenda non está desocupada aínda que nela non estea censado ningunha persoa".
Ademais de considerar unha medida inxusta, os populares advirten que existe xurisprudencia para tombar esta subida. "Os Concellos carecen de competencias para desenvolver regulamentariamente as condicións e requisitos establecidos na lei de Facendas Locais para considerar que unha vivenda está desocupada", cita moldes unha sentenza do TSJA.