O ENIL da Xunqueira de Alba, un paraíso con 73 especies de aves, 26 delas migr migratorias adoras transaharianas
Por Redacción
Un estudo que acaba de facer público a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra conclúe que no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba detectáronse no período de primavera-verán 73 especies de aves distintas, entre as que aparecen 26 especies migratorias transaharianas, é dicir, que invernan en África, ao sur do deserto do Sáhara, e que chegan en primavera a criar en Europa.
O traballo de seguimento realizouno o biólogo Vítor Xosé Cabaleiro Barroso entre o 14 de abril e o 30 de setembro de 2020 e presentouno este mércores o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Puentes explicou que algunhas destas especies transaharianas non crían na Península Ibérica, pero si que pasan polo ENIL da Xunqueira para descansar e alimentarse en primavera, no seu camiño cara as zonas de cría no centro e o norte de Europa, e a finais do verán, cando retornan a África.
O traballo de Vítor Xosé Cabaleiro permitiu detectar neste espazo natural unha especie de recente aparición na cidade, o cirrio pálido (apus pallidus), que non fora vista nunca antes no ENIL e cuxa cría en Pontevedra foi descuberta por primeira vez en 2015. Agora estes poucos exemplares que crían na cidade utilizan A Xunqueira de Alba para beber e como zona de alimentación.
O estudo permitiu actualizar a lista histórica de aves avistadas no ENIL da Xunqueira, situando en 142 as especies vistas neste espazo natural protexido, unha cifra que, en palabras de Iván Puentes, "fala por si mesma do tesouro medioambiental que alberga este paraíso da biodiversidade que os pontevedreses temos o privilexio de posuír a tan só un pasos do centro da cidade".
Sara Teijeira, do departamento de Desenvolvemento Sostible, fixo fincapé no feito de que ningunha especie das que aparece se atopa en perigo de extinción, pero si que boa parte delas está catalogada, e polo tanto, requiren algún tipo de protección especial. Chegou a observarse un pelícano escapado dunha colección en Francia.
O concelleirO salientou a "minuciosidade, paciencia e tempo de dedicación" que requiriu o traballo, xa que para efectuar este labor de detección de aves fixéronse censos cada dez días, percorrendo todo o ENIL cun itinerario fixo e anotando tódalas especies vistas e/ou oídas.
En total, foron capturadas 228 aves de 26 especies (unhas 17,5 capturas por xornada). O 7 de agosto atrapouse un exemplar de folosa dos xuncos (acrocephalus schoenobaenus) que fora anelado en East Sussex, Inglaterra, o 6 de setembro de 2019, salienta Vítor Xosé Cabaleiro.
No traballo publicado por Desenvolvemento Sostible aparecen, cos seus nomes científicos e en galego, especies migratorias transaharianas como o chasco norteño, o papamoscas negro, o trallón cincento (todas elas de paso e que, en consecuencia, non crían na Xunqueira), a folosa común (cría no ENIL) ou a garza rubia (ave escasa en Galicia, que apareceu en primavera uns días e que non cría nestes lares).
O catálogo complétase con especies como o picapeixe común (martín pescador en castelán), unha das aves máis chamativas do espazo natural pontevedrés, no que cría; o gabián común, ave rapaz asentada na Xunqueira; a estreliña riscada, a ave de menor tamaño do ENIL e a segunda máis pequena de Galicia; a garzota común, invernante habitual nesta contorna, e a rula común, que se atopa en declive total en Europa e que aínda pode verse na Xunqueira de Alba, se ben cada vez en números máis baixos (este ano apareceu, pero non puido comprobarse a súa cría).