O novo vial de Mollavao licitarase "canto antes" e prevese construír en 2021
Por Alejandro Espiño
A falta da aprobación definitiva de Costas, xa está todo listo para poder licitar "canto antes" o novo vial de Mollavao, que unirá Rosalía de Castro coa Avenida de Marín. Así o destacou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
Mosquera, ante a ausencia de Carmela Silva, foi o encargado de asinan o convenio co Concello de Pontevedra, mediante o cal a institución provincial asumirá os 938.824 euros que custará a construción desta estrada.
Aínda que se trata dunha actuación "non moi grande", explicou o tamén responsable do departamento de Infraestruturas no goberno municipal pontevedrés, este vial é "sumamente transcendente" porque, engadiu, resolverá "moitísimos problemas".
Entre as dúas zonas de Mollavao que unirá este novo vial " non hai unha conexión decente", sinalou César Mosquera e, ademais, permitirá que se poida reformar o primeiro tramo de Rosalía de Castro, ata a ponte do ferrocarril, para integralo no "modelo Pontevedra".
É dicir, entre Manuel del Palacio e a rotonda que dará acceso a esta nova estrada, a rúa terá dirección única, beirarrúas máis anchas e elementos de acougado de tráfico.
Esta actuación, segundo Mosquera, cambiará "substancialmente" unha zona que foi "historicamente maltratada" e que presenta "deterioros" ambientais e urbanísticos "bastante graves" que, segundo explicou, "merecen toda a nosa atención".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que lle facía "moita ilusión" asinar este convenio co seu compañeiro de partido, o primeiro que ambos asinan nos cinco anos que leva como vicepresidente da Deputación de Pontevedra.
Fernández Lores coincidiu en que "todos vemos necesario" actuar sobre este barrio e, xunto con este vial, farase cun proxecto "complementario" que xa están a elaborar os técnicos municipais.
Ambas as administracións confían en que a construción desta nova estrada, que segundo o alcalde é un proxecto "complexo e necesario", poida executarse en 2021.
A nova estrada de Mollavao discorrerá entre dúas glorietas, unha na avenida de Marín e outra na estrada vella. A lonxitude da vía -entre os centros das rotondas- será finalmente duns 97 metros e o seu ancho será de 15 metros, divididos nunha sección de dous carrís de catro metros, dúas beiravías dun metro e dúas sendas de 2,5 metros.
A glorieta máis cercana á ría terá un radio exterior de 16 metros, contando o parterre interior de arredor de 13 metros de diámetro, un empedrado de metro e medio, dous carrís de 3,5 metros cada un e de dúas beiravías de 0,50. A glorieta interior será máis pequena, unicamente chegando aos 13 metros de radio, e coa mesma disposición de carrís e beiravías.
Renovaranse todos os servizos, instalarase nova iluminación (desprazando algúns dos puntos actuais, conectando 10 novas luminarias e 8 reforzos lumínicos nos pasos de peóns), ademais de plantar vexetación nos espazos verdes das rotondas e tamén árbores de maior porte.
Relacionadas:
-
Aumenta a deterioración do solar de Mollavao utilizado como entulleira descontrolada
Por Redacción |
-
Mollabao Sí! solicita unha serie de melloras de accesibilidade ao proxecto de reforma de Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Os arquitectos alegan contra o novo vial de Mollavao e reclaman desatascar o PXOM
Por Redacción |
-
Así será a nova Rosalía de Castro, a 'peza clave' da reforma urbana de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
A ponte da AP-9 sobre Mollavao cae a cachos
Por Redacción |
-
Estudan a construción de 64 vivendas unifamiliares en Mollavao
Por Redacción |
-
O Concello, pendente de Costas para iniciar o novo vial de Mollavao en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O proxecto da variante de Mollavao "pega un bo salto" ao non necesitar avaliación ambiental ordinaria
Por Oskar Viéitez |
-
O novo vial de acceso a Mollavao inicia a tramitación administrativa
Por Oskar Viéitez |