O PIB de Caldas medra por enriba da media galega e da comarca, un 15,8% en dous anos
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis aumentou nun 15,8% o seu Produto Interior Bruto (PIB) entre os anos 2016 e 2018, un crecemento do que o Goberno local destaca que é superior ao de todos os municipios da contorna e á media de crecemento de Galicia, que se sitúa no 8%.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, o PIB pasou de 173.816.000 a 201.276.000. Ademais de medrar máis que a media, Caldas sitúase como o claro motor económico da zona ao xerar o 35% do total do PIB da comarca.
O Concello lembra que o PIB permite medir o crecemento económico dunha zona ao calcular o valor monetario de todos os bens e servizos finais nun determinado período de tempo, de maneira que os datos de crecemento Caldas de Reis son "altamente positivos".
A través dun comunicado, o Concello destaca o crecemento que vive Caldas de Reis no relativo ao PIB por habitante, pois aumentou en 2 anos o PIB por habitante nun 15,6%, pasando de 17.274 euros en 2016 a 19.978 en 2018. Tamén se posiciona neste aspecto por enriba da media comarcal que queda en 16.762 euros.
Desde o Concello tamén destacan que detrás destas cifras está a puxanza do sector industrial ao longo dos últimos anos. Segundo o informe do IGE por especialización produtiva, a industria creceu na economía caldense chegando a xerar o 26,8% do total do PIB municipal en 2018 (53.855.000 euros), un 2,5% máis que en 2016.
O sector servizos segue a ser o máis importante e ten un peso do 52,7% sobre o PIB. Pasou de xerar 96.540.000 euros en 2016 a 106.156.000 en 2018.
O sector da construción mantense cun 7,8% sobre PIB total, mentres que o sector primario continúa sendo marxinal no municipio e representa só o 1,5% da riqueza.
O alcalde, Juan Manuel Rey, destacaou que os datos "xa se intuían pola tendencia ao crecemento que estabamos observando", pero, ao velos neste informe, xeran satisfacción, pois "somos dos municipios da provincia e de toda Galicia cun crecemento máis notable da nosa economía e iso é para estar moi orgullosos".
O rexedor tamén indica que o informe demostra que a industria segue gañando peso e estamos seguros de que vai continuar sendo así grazas aos plans de expansión que teñen sobre a mesas varias empresas que prestan actividade en Caldas, grazas ao asentamento previsto doutras entidades e ao desenvolvemento industrial que favorecerá o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) de Veigas de Almorzar que xa está en marcha.