A Deputación liquida o Plan Concellos do 2020 cunha repartición de fondos a Barro, Meis e Cuntis
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra pechou este martes o ano coa aprobación dunha nova remesa de obras enmarcadas no Plan Concellos que este 2020 mobilizou 42,2 millóns de euros para diversas obras por toda a provincia. Os últimos convenios, na comarca de Pontevedra e O Salnés, benefician a Cuntis, Barro e Meis.
Na vila termal recibirán 66.800 euros para o acondicionamento do camiño de acceso e do interior do núcleo rural de Fontecova. A actuación servirá para mellorar a pavimentación do firme e a colocación de redutores de velocidade, así como da mellora da sinalización horizontal, as canalizacións de pluviais e o acondicionamento de dous elementos de valor etnográfico presentes na contorna: unha fonte e un lavadoiro.
No Concello de Barro está prevista a recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 entre Curro e San Amaro. Cun orzamento que ascende a 303.200 euros, a intervención consistirá en dotar á praza de San Amaro dun pavimento de pedra e mobiliario urbano moderno que permita recuperala para as persoas. Ademais, mellorarase a rede de pluviais e o saneamento, soterrarán as liñas eléctricas e de telecomunicacións e instalarase nova iluminación pública con tecnoloxía LED.
En Meis, o convenio contempla a mellora da seguridade viaria na EP-9402, entre Mosteiro e Barrantes. A Deputación investirá 217.000 euros no núcleo de Mosteiro para arranxar un problema histórico de inundacións neste tramo da estrada.
Para conseguilo implantarase unha plataforma de uso compartido para peóns e automóbiles, con prioridade peonil. No tramo seguinte repoñerán a capa superficial da estrada e resolverán os problemas de drenaxe. Ademais, está prevista tamén a construción de beirarrúas, un paso de peóns e unha mediana de separación entre carrís.
Relacionadas:
-
Deputación e Concello de Meis asinan a mellora da estrada de Mosteiro a Barrantes
Por Redacción |
-
O PP volve pedir á Deputación unha liña de axudas para autónomos e pemes
Por Redacción |
-
Máis de 450.000 euros para mellorar a seguridade viaria na estrada entre Curro e Portela en Barro
Por Redacción |
-
O Pleno provincial aproba o Plan Concellos e o convenio de Mollavao
Por Oskar Viéitez |
-
Novas achegas do Plan Concellos beneficiarán a O Grove, A Illa de Arousa e A Lama
Por Redacción |
-
A Deputación presenta o Plan Concellos 2021 dotado de 42,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |