Multan en Poio dous matrimonios de Barcelona e Madrid que viaxaban a Vilagarcía e Sanxenxo fóra de prazo e sen xustificación
Por Redacción
Un matrimonio que viaxaba de Madrid a Portonovo, en Sanxenxo, para visitar familiares. Outra parella que chegaba de Barcelona con destino a Vilagarcía. Un mozo de Vigo que ía a Poio para visitar a súa moza. Son tres exemplos de incumprimentos das normas anti covid-19 que detectou a Policía Local de Poio durante os últimos días.
Os policías puxeron un total de 12 denuncias durante o dispositivo especial desenvolto durante os primeiros días de Nadal. Oito destas denuncias puxéronas durante os controis levados a cabo en lugares como a ponte da Barca ou a rotonda da Variante Norte, en San Xoán, realizados para velar polo cumprimento do peche perimetral vixente. As catro restantes corresponden a persoas que non utilizaron de forma axeitada a máscara.
No caso do matrimonio que viaxaba desde Madrid, tiña intención de chegar a Portonovo para visitar a uns familiares. Neste caso, a denuncia tramitouse porque este desprazamento levouse a cabo fóra do prazo excepcional aberto pola Xunta de Galicia para permitir este tipo de desprazamentos e que estivo vixente desde as 00.00 horas do mércores 23 ata as 23.00 horas do 25.
No caso do matrimonio de Barcelona, ambos de 66 anos, pretendían salvar o peche perimetral para dirixirse a Vilagarcía de Arousa a visitar a uns familiares amosando un salvoconducto que, segundo constataron os axentes, carecía de validez, xa que correspondía a un informe que se tramita na comunidade autónoma de Navarra e que foi descargado en Internet pola parella.
Esta viaxe tamén se realizou fóra do prazo aberto pola Xunta, polo que se tramitou a pertinente denuncia. O mesmo pasou cun mozo de 30 anos residente en Vigo que viaxou ata Poio para visitar á súa parella sentimental.
A maiores, a Policía Local tamén abriu un expediente sancionador ao propietario dun establecemento situado na parroquia de San Xoán, por sobrepasar a ocupación permitida en interiores, fixado actualmente en Poio nun 30%. O local estaba cheo ao 100%. Ademais, será multado por non contar coa licenza de actividade correspondente.
A todas estas incidencias hai que sumar a proposta de catro denuncias administrativas a condutores por consumo de alcol (3) e estupefacientes (1).
O Concello de Poio volve insistir na necesidade de que a cidadanía actúe con responsabilidade para frear a curva de contaxios da covid-19, sobre todo nunhas datas como as de Nadal e nun contexto difícil, no que o número de casos en Poio está en tendencia ascendente.