A covid-19 dá un respiro a Pontevedra e Marín pero preocupa o seu aumento en Poio, Bueu e Barro
Por Redacción
Pontevedra, Marín e Poio, pechados perimetralmente de maneira conxunta pola incidencia similar que ten a covid-19 en cada un deles, parece estar a evolucionar de maneira diferente nos últimos días.
Mentres que nas dúas primeiras os contaxios están a estabilizarse ou comezando a baixar de maneira máis ou menos sostida, en Poio a tendencia é xusto a contraria. Os casos seguen á alza e este sábado chegou ata os 54 casos activos, cinco máis que onte.
Ante este incremento, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, mostrou a súa preocupación e pediu aos seus veciños que non se relaxen estas festas "para non arrepentirnos" nos próximos días. "Mellorar estes datos depende exclusivamente de nós", sinalou.
A este respecto, Poio reforzará os controis e dispositivos para velar polo cumprimento das restricións decretadas pola covid-19 no municipio.
En Bueu, pola súa banda, os casos activos alcanzaron este sábado os 75, dous máis que onte. Desde o goberno municipal reiteran que todos os seus habitantes deben manter todas as medidas de seguridade e hixiene e apelan á responsabilidade individual e colectiva.
Barro é outro dos municipios onde as autoridades sanitarias manteñen unha estreita vixilancia, despois de que os casos aumentasen ata os 25 positivos.
BAIXAN OS CASOS EN GRAN PARTE DA ÁREA SANITARIA
Ata 182 casos activos hai en Pontevedra, cinco menos que onte, segundo informou o goberno municipal. Un descenso algo menos pronunciado rexístrase tamén en Marín, onde hai 44 contaxiados. Son dous menos que no último balance.
Vilagarcía de Arousa con 121 casos activos (tres menos), Sanxenxo con 53 (un menos) e Cambados con 28 (cinco menos), entre outros, tamén lograron reducir a incidencia do coronavirus nas últimas 24 horas.
Entre os concellos que facilitaron o número de casos activos este sábado están tamén Vilanova de Arousa e Ponte Caldelas, que cifran en cinco os contaxiados en cada municipio, ou Ribadumia, que ten tres infectados entre os seus habitantes.
Relacionadas:
-
Preocupante aumento das hospitalizacións por covid-19: 50 en planta e once na UCI
Por Alejandro Espiño |
-
Aumentan a once os pacientes con covid-19 na UCI de Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Cinco hospitalizados máis por covid-19 en Pontevedra nun día de Nadal con 38 contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Falece unha muller de 91 anos, a vítima número 77 da covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |