Poio rexistra unha "suba importante" na reciclaxe de papel e cartón
Por Redacción
O ano da covid-19 deixa datos extraordinarios en materia de reciclaxe. En Poio nunca se recuperou tanto papel e cartón como agora e, pola contra, o peche da hostalería provocou que a recollida de vidro caera de maneira abrupta.
Así se recolle no informe que, a falta dos datos do mes de decembro, elaborou a empresa responsable do tratamento do lixo, Valoriza.
Entre xaneiro e novembro, os operarios da compañía retiraron 268.740 quilogramos correspondentes a envases lixeiros e 190.850 de cartón e papel.
Nos envases lixeiros (plástico, pequenos metais e bricks) Poio supera a media de Galicia, que en 2019 foi de 12,9 quilos por habitante, ao alcanzar os 15,7 quilos por habitante, practicamente o mesmo que o ano pasado.
A media na recollida de papel e cartón sitúase en 11,17 quilos por habitante, mentres que en 2019 quedou nun 7,3. Este é o mellor dato acadado desde 2011. Anteriormente, o récord estaba establecido nos 9,1 correspondentes ao exercicio de 2013.
Pola contra, neste mesmo período, tratáronse 469.200 quilos de vidro, o que supón unha baixada do 25% con respecto a 2019, no que se recolleran 613.550.
O goberno local ten claro que esta situación non se debe á falta de compromiso da cidadanía, senón aos efectos provocados pola pandemia da covid-19 e ao cese de actividade da hostalería e o comercio durante longos períodos de tempo.
O Concello de Poio conta actualmente con 353 contedores de envases lixeiros, 170 de papel e cartón e 190 vidro, repartidos polas cinco parroquias.
En total, a empresa responsable da recollida de residuos retirou 7.645.410 quilogramos de restos, sendo o mes de agosto o de maior incidencia, con 828.300 quilos.
Relacionadas:
-
Fomentar a reciclaxe durante o Nadal é o obxectivo dunha campaña do Concello de Poio
Por Redacción |
-
Limpan os máis de 600 contedores de lixo que hai en Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio desenvolve unha ordenanza de convivencia cidadá
Por Redacción |
-
Poio aplicará no vindeiro recibo do lixo a bonificación por cese de actividade
Por Redacción |