O poboado 'Tempo de Nadal' da Ferraría permanecerá aberto os días 24 e 31
Por Redacción
O poboado 'Tempo de Nadal' instalado na praza da Ferraría desde o pasado xoves tamén permanecerá aberto os días 24 e 31 de decembro, en horario de 12 a 14:30 horas e de 17 a 19 horas ambas xornadas.
O resto dos días o poboado mantén o horario habitual de luns a xoves, de 12 a 14:30 horas e de 17 a 20:30 horas; e os venres, sábados e domingos estará aberto ata as 21 horas.
'Tempo de Nadal' está composto por 15 casetas onde as perosas visitantes poden mercar produtos típicos como decoracións de árbore de Nadal, ilustracións e felicitacións, grinaldas, xabóns naturais, coroas e centros secos, centros de mesas, papel decorativo, axendas, contos infantís ou nacementos.
Tamén se instalaron catro casetas de produtos gastronómicos vinculados co Nadal como bombóns, panettones, pandoros, polvoróns e doces típicos de Nadal. Ademais, neste poboado pódense sacar instantáneas nas distintas escenas de Nadal habilitadas na contorna da gran árbore da Ferraría.
O mercado dispón dun control de seguridade Covid en todo o recinto, que está aforado e con controis de acceso dende as catro portas. Tamén conta con alfombras hixienizantes nas entradas e dispensadores de hidroxel para as mans.
A maiores tamén son de obrigado cumprimento as distancias de seguridade e o uso de máscara.