A papanoelada moteira percorrerá este mércores as cinco parroquias de Poio
Por Redacción
A pandemia da covid-19 non impedirá que Papa Noel visite o municipio de Poio, coas pertinentes medidas de seguridade. Acompañado por membros do Motoclub A Rosa dos Ventos, e en colaboración tamén con ACID Ocio Sport, Santa Claus percorrerá en moto este mércores as cinco parroquias da vila.
Esta iniciativa, que forma parte do programa de Nadal alternativo organizado pola Concellería de Cultura, estaba prevista inicialmente para o pasado domingo 20 de decembro, pero finalmente as condicións meteorolóxicas obrigaron ao seu aprazamento.
Se a chuvia o permite, será este mércores, 23 de decembro, cando a comitiva saia da Reiboa, ás 16.30 horas, en dirección a Raxó. Desde alí, Papa Noel saudará á veciñanza ao seu paso por Combarro, Samieira, Campelo e A Barca, ata volver de novo ao punto de partida na Reiboa. Esta saída en moto repetirase tamén o sábado 26 pola tarde.
Con respecto ao resto da programación, a Concellería de Cultura lembra que aínda quedan vacantes para poder asistir ao concerto que a Escola de Acordeóns de Campelo ofrecerá o vindeiro sábado 26, a partires das 18.30 horas, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
Tamén é posible anotarse para gozar co espectáculo de títeres "O traxe novo do rei", a cargo de Tarabelos, o martes 29, ás 18.00 horas, no Local Social de Campelo.
Pola contra, xa están cubertas o 100% das prazas para a actuación que ofrecerá este mércores o Mago Paco, tamén en Campelo, ás 23.00 horas.
Todas estas actividades son gratuítas. A inscrición pode realizarse enviando un correo electrónico a poiocultura@concellopoio.gal.