Marín renova a colaboración entre as policías Nacional e Local para a protección de vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
O Concello de Marín acaba de renovar o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero VioXén. Na actualidade hai neste municipio 33 vítimas con protección dentro deste sistema.
A renovación asinouse este martes despois dunha Xunta Local de Seguridade extraordinaria presidida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Tamén asinaron a alcaldesa da localidade, María Ramallo, e a comisaria da Policía Nacional en Pontevedra, Estíbaliz Palma.
Segundo informou a Subdelegación do Goberno, Marín é o segundo concello da provincia que procede á renovación deste protocolo, despois de Salceda de Caselas.
Este novo documento é necesario para permanecer dentro do sistema Vioxén e recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas.
Maica Larriba felicitou a todas as partes implicadas polo novo acordo, "imprescindible" para que as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan colaborar, compartir información e traballar coordinadamente, optimizando os seus recursos e garantindo o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero.
O novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos á protección das vítimas.
O Sistema de Seguimento Integral VioXén ten actualmente na provincia 1.109 casos activos de violencia de xénero. Delas, sete son menores de 18 anos; 280 teñen entre 18 e 30 anos; 490, entre 31 e 45 anos; 294, entre 46 a 64 anos; e 38, 65 anos ou máis.
En Pontevedra hai doce concellos adheridos a este sistema: Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Pontevedra, O Grove, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
As policías Local e Nacional renovan o protocolo polo que protexen 90 vítimas de violencia de xénero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sanxenxo renova o protocolo VioXén e a Garda Civil e a Policía Local colaborarán para protexer as vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
As chamadas ao teléfono 016 para vítimas de violencia machista duplicáronse durante o confinamento
Por Redacción |
-
Maica Larriba insta aos concellos a sumarse ao sistema de seguimento e vixilancia dos casos de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Marín ten activas 27 ordes de protección a mulleres do municipio
Por Oskar Viéitez |