Marín dobra o espazo de xogos infantís no Parque Eguren e dignifica a rúa do Tombo
Por Redacción
O Concello de Marín vén de ampliar a zona de xogos do Parque Eguren e humanizar a rúa do Tombo. Nestas actuacións, que este martes visitaron os deputados Santos Héctor e Olga García xunto á alcaldesa María Ramallo, a Deputación de Pontevedra investiu máis de 210.000 euros.
No caso do Parque Eguren, os traballos executados, nos que se investiron 93.000 euros, permitiron dobrar a superficie da área de xogos infantís. Amais dun novo peche perimetral, dotouse ao parque dun novo pavimento de caucho e xogos como un tobogán de 3 metros, randeeiras, un balancín e redes "átomo" de ata cinco metros de altura, entre outros.
Doutra banda, a rúa do Tombo, que conecta coas céntricas rúas de Concepción Arenal e a avenida de Ourense, experimentou unha total renovación nos seus servizos soterrados e aproveitouse tamén para humanizala en superficie, cun orzamento de máis de 120.000 euros.
O deputado Santos Héctor destacou que se trata de dúas obras "con visión de futuro, que melloran a calidade de vida da veciñanza nestes tempos nos que necesitamos ter moi ben acondicionados os nosos espazos públicos abertos".
Pola súa banda, a alcaldesa María Ramallo sinalou que "se aprecia perfectamente o cambio que se pretendía, e sobre todo quero agradecer a colaboración da Deputación para as obras do Plan Concellos".
Ramallo amosou a necesidade de seguir a intensificar "esa relación de coordinación que creo que debemos ter todas as Administracións". "O 2021 vainos poñer a proba e penso que é bo incidir nesa coordinación que debemos ter para tratar de ir paliando a maioría dos problemas que teremos diante", engadiu.
Relacionadas:
-
Marín repara os elementos de xogo dos parques infantís deteriorados
Por Redacción |
-
A Rúa do Tombo xa está aberta ao tráfico e aos peóns
Por Redacción |
-
A Rúa do Tombo estrea imaxe trala súa reforma
Por Redacción |
-
O espazo de xogos infantís do Parque Eguren crecerá máis do dobre
Por Oskar Viéitez |