O centro terapéutico de Briz para persoas con alzhéimer aumentará o seu servizo aos usuarios
Por Redacción
O centro terapéutico de Briz para persoas con alzheimer aumentará o seu servizo a grupos de máximo 10 persoas que poderán ir dous días á semana a sesións de hora e media para así manter un maior seguimento.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xunto a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, mantiveron un encontro co presidente da asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (AFAPO), Jose Manuel Fontenla, para facer un balance de como foi a actividade do centro terapéutico que esta asociación xestiona.
A pandemia afectou ás persoas que padecen estas patoloxías, polo impacto negativo no seu deterioro cognitivo que tivo o illamento social durante o confinamento. Precisamente, por esa razón o centro retomou a súa actividade cando foi considerado un servizo esencial, dividindo ao grupo inicial para reducir o aforo en cada unha das sesións.
Agora, o centro parará o seu funcionamento durante o nadal para retomar as clases a partir do 19 de xaneiro.
Debido ao bo funcionamento das actividades, ampliarase o horario do servizo. "Ata agora viñan un día dúas horas e agora virán dos días á semana, hora e media cada día, en grupos de 10 persoas cada unha, polo que en total hai nestes momentos 20 usuarios activos", explicou a concelleira.
O horario será de 10 a 11.30 horas para unha quenda e de 12 a 13.30 horas para outra, deixando esa marxe de tempo entre ambas para poder levar a cabo as pertinentes accións de limpeza e desinfección, cumprindo así con todas as medidas derivadas da crise sanitaria.
"Segundo puidemos comprobar co avance do centro, viamos que o feito de que acudisen só unha vez á semana era demasiado pouco para o seguemento dos usuarios", asegurou Sanmartín, que afirma que "este servizo está funcionando de moi bo xeito e temos constancia do ben que lles está indo ás familias e aos propios usuarios".
"O obxectivo", segundo comentou Fontenla, "é poder manter a calidade de vida que agora teñen e frear, na medida do posible, a rápida evolución da enfermidade". De feito, esa é a razón de ser de AFAPO, asociación creada para axudar tanto ás persoas afectadas por esta enfermidade como aos seus familiares e coidadores, realizando unha dobre labor, de asesoramento e de apoio psicolóxico ás familias e de atención directa ás persoas con alzheimer e demencia.
Relacionadas:
-
O centro terapéutico de Briz reabre as súas portas con 12 usuarios
Por Redacción |
-
O centro de atención a persoas con Alzheimer da Finca de Briz ten seis prazas dispoñibles
Por Redacción |
-
O Centro Terapéutico da Finca de Briz retomará a súa actividade este luns
Por Redacción |
-
O Centro Terapéutico da Finca de Briz segue prestando o seu servizo ás familias nas súas casas
Por Redacción |
-
O centro terapéutico de alzheimer de Briz abre con todas as prazas xa completas
Por Redacción |