Máis de 300.000 euros do Plan Concellos da Deputación para mellorar a rede de abastecemento de auga na Lama
Por Redacción
O Concello da Lama deu por rematada a cuarta obra realizada para a mellora do abastecemento de auga a núcleos rurais neste municipio que sufraga a Deputación Provincial con cargo ao Plan Concellos. En total, houbo un investimento acumulado de máis de 300.000 euros de achegas provinciais para esta actuación.
Nesta cuarta fase, as obras permitiron mellorar a súa rede de abastecemento de auga coas obras de captación, construción dun depósito e da rede de distribución para dar servizo aos núcleos de Borralleiro, Carballeira, Eido Macho, Eido Tendeira e Barcia de Seixo.
Os deputados provinciais Santos Héctor e Noemí Outeda e o alcalde da Lama, Jorge Canda, visitaron este luns as novas infraestruturas desta cuarta fase, nas que se investiron máis de 100.000 euros.
As obras consistiron na execución de dúas captacións de auga de monte en Carballeira e Borralleiro, así como a construción dun depósito para o almacenamento e a rede completa de distribución, con acometidas domiciliarias, válvulas, arquetas e bocas de rego para levar a auga á veciñanza destes cinco núcleos.
Para a construción do depósito foi necesario facer unha escavación en terreo de rochas, mentres que no que se refire á rede de distribución, está executada en tubos de distinta sección e tipoloxía para dar un servizo adecuado. Son tres ramais de preto de 3 quilómetros (1.085, 1.120 e 780 metros) para dar servizo aos cinco núcleos.
Nas fases anteriores, mellorouse o abastecemento a Gaiola e Seixido, a construción do depósito do Pelete e outro depósito e a mellora do abastecemento en Xesta. No caso das parroquias de Xesta e Barcia do Seixo, a mellora das redes era unha demanda que se viña reclamando dende hai varios anos.
A Deputación leva investidos en A Lama máis de 4,7 millóns de euros dende o ano 2015.