O BNG de Cerdedo-Cotobade remata a campaña dixital "Cartas ao Apalpador"
Por Redacción
O BNG de Cerdedo Cotobade lanzou o pasado mércores 16 unha iniciativa nas redes sociais para que a veciñanza escribise a súa carta ao Apalpador coas súas peticións para este Concello.
Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, recoñeceu que "a participación veciñal sobrepasou todas as expectativas e obxectivos marcados durante a planificación da campaña, resultou ser un indicador das gañas que ten a veciñanza de faceren parte da vida política e de seren escoitados".
O Bloque comprometeuse a trasladar tódalas propostas ao goberno local e avogou para que sexan atendidas ao longo do ano que comeza.
O grupo do BNG tamén lanzou a súa propia misiva para o Apalpador. Nela apareceron as propostas máis coincidentes coa veciñanza como por exemplo a urxencia de sacar adiante a estrada de Almofrei, conquerir melloras na atención sanitaria nos Centros de Saúde do municipio; extender a fibra óptica nas parroquias e mellorar a prestación dos servizos de luz, teléfono e sinal de televisión; deseñar uns orzamentos municipais centrados na complexa situación dos autónomos, pequenos produtores, familias e maiores en risco de exclusión social; potenciar a lingua e a cultura do País; apostar pola planificación forestal e aproveitar os montes como xeradores de emprego, entre outras.