Susto nun edificio da rúa Echegaray tras iniciarse un incendio na cociña dunha vivenda
Por María José Pita
Unha vez máis unha tixola nunha cociña provocaba un susto ás persoas residentes no edificio número 41 da rúa Echegaray de Pontevedra. Nesta ocasión, ao redor das 15.00 horas orixinábase unha lapa nunha tixola con aceite que se atopaba sobre unha vitrocerámica da cociña dunha vivenda do segundo piso do edificio.
A chama comezou a propagarse polo mobiliario da cociña. Dúas mulleres e dúas nenas que se atopaban na casa nese momento ante o inicio do lume saíron ás escaleiras para solicitar axuda, a corrente de aire provocou que a lapa aumentara o tamaño e se espallara o fume afectando a outras vivendas. Aínda así, volveron entrar na vivenda para recoller dous gatos que se atopaban no interior.
Unha vez alertado o servizo de Emerxencias do 112, desde a central puxéronse en contacto co Parque de Bombeiros de Pontevedra, que trasladaba dous camións ata o lugar. O fume que se expandiu polo edificio provocou que residentes doutros pisos abandonasen o inmoble á espera de que os bombeiros controlaran a situación e ventilaran as estancias.
Ata a rúa tamén se desprazaba unha ambulancia do 061 pero non foi necesaria a súa intervención porque non se produciron danos persoais. O mobiliario da cociña si se viu afectado polo lume.
A rúa estivo cortada por efectivos da Policía Local preto dunha hora. Só se permitíu o acceso e saída a garaxes pero circulando en sentido contrario ao que habitualmente ten esta vía.
Os bombeiros apuntaron que, ante estas casos, non se recomenda abrir portas, senón tentar que o lume quede sen osíxeno para evitar que se aviven as lapas e se espalle o fume con facilidade por outras zonas da vivenda.
Relacionadas:
-
Amplo despregamento para sufocar un incendio nunha céntrica pizzería
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Pontevedra rexistrou en 2020 unha media de seis incendios urbanos cada mes
Por Alejandro Espiño |
-
Trasladan o hospital un menor logo do incendio orixinado por una tixola ao lume nunha casa de Poio
Por Redacción |
-
Intervención nocturna dos bombeiros para sufocar o lume nunha cociña de Gutiérrez Mellado
Por Redacción |
-
O lume nunha tixola calcina unha campá extractora nunha vivenda de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Unha tixola e unha fritideira ao lume provocan senllos incendios en Vilagarcía e Combarro
Por Redacción |