Activado o Plan de mobilidade de Nadal para garantir a seguridade no movemento de peóns e de vehículos na cidade
Por Redacción
Desde este sábado está activo o Plan especial de mobilidade do Nadal que pon en marcha a concellería de Protección Cidadá, dirixida por Eva Vilaverde. Con este plan, o goberno local quere garantir a seguridade de todos os movementos, tanto peonís como de vehículos, na cidade.
A concelleira convida a que se fagan as tradicionais compras do Nadal ao longo das semanas das festas evitando aglomeracións en días concretos para impedir que se produzan riscos sanitarios.
Lembra que o espazo público nas zonas comerciais e no centro ten que ser seguro tanto en relación coa superficie dispoñible para camiñar con comodidade como na ausencia de perigos. Por este motivo, a concellería céntrase en garantir o acceso á cidade e desconxestionar de vehículos o centro.
Pide que se empreguen os aneis perimetrais, ademais de atender ás recomendacións da Policía Local e no caso dos vehículos de motor, solicita aos condutores que utilicen os estacionamentos alternativos.
O Plan xestionado pola Policía Local divide a cidade en tres zonas: centro, anel primario e anel secundario. No centro da cidade espérase un maior número de persoas, sobre todo procedentes das parroquias, e a Policía recomenda que se deixe o coche nos aparcamentos externos á cidade e as persoas deben achegarse de maneira gradual ao centro.
O anel primario destinado a vehículos de motor está formado polas avenidas de acceso á cidade: Xosé Malvar, Bos Aires, Uruguai, Corbaceiras, Manuel del Palacio, María Vitoria Moreno, Estación, Eduardo Pondal e Doce de Novembro.
O anel secundario inclúe as vías nas que se recibe o tráfico de entrada e saída á cidade. Funcionan como unha circunvalación empregando a autoestrada. É o enlacen entre A Parda, a estrada de Ourense para baixar a Monte Porreiro ata a entrada, de novo, na autoestrada.
ZONAS SENSIBLES
Hai zonas nas que, a priori, témese que se produzan máis concentracións tanto de persoas como de vehículos. En relación á mobilidade peonil, os axentes prestarán máis atención ás rúas Benito Corbal, Sagasta, Castelao e Daniel da Sota.
En canto á circulación motorizada realizarase un seguimento á contorna da praza de Barcelos, polo incremento de vehículos que queiran acceder ao aparcamento subterráneo; Padre Amoedo coa glorieta da Ponte de Santiago; o cruzamento de Xosé Malvar coa Seca e a avenida de Bos Aires; a intersección de Doce de Novembro con Teixoeira e Eduardo Pondal con Uxío Novoneira; a zona Puente da Barca, Paseo Colón, San Roque; e por último a Ponte das Correntes e Domingo Fontán.
Establecerase un sistema de información á cidadanía, sinais e tamén se realizarán cortes en zonas sensibles no caso de que os axentes comproben que é necesario. Os vehículos de urxencias, servizo público en xeral e os conducidos por persoas de mobilidade reducida quedarán á marxe destes cortes temporais, que segundo explica Eva Vilaverde, serán medidas extraordinarias para restablecer a fluidez na circulación.