Licitan a senda entre Bagüín e Seixo, que incluirá a mellora do acceso á praia de Aguete
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este venres o concello de Marín onde supervisou a finalización da senda entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313, que supuxo un investimento autonómico de 715.000 euros e anunciou que a Xunta licita as obras dunha nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551, entre Bagüín e Seixo.
Nesta visita oficial, Ethel Vázquez estivo acompañada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro.
Á senda só lle falta o pintado e pequenos remates. Son preto de 2 quilómetros de itinerario peonil na marxe esquerda da estrada. Comeza á saída da travesía de Marín e dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.
Vázquez Mourelle destacou que a consellería está a traballar para dar continuidade a esta senda coa execución dun novo treito, entre Pardavila e Cadro, ata a intersección que dá acceso ao lago de Castiñeiras.
Con eses 800 novos metros de senda poderase completar un itinerario peonil continuo de máis de 4 quilómetros na estrada PO-313, desde Marín ata Cadro, cun investimento autonómico superior aos 600.000 euros.
LICITACIÓN DA SENDA ENTRE BAGÜÍN E SEIXO
Nesta visita a titular de Infraestruturas anunciou que este venres se licitan os traballos do itinerario peonil e ciclista na PO-551 entre Bagüín e Seixo, por preto de 675.000 euros, coa fin de iniciar as obras no segundo trimestre do ano e telas rematadas xa a finais de 2021 ou comezos de 2022. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 22 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
Segundo detallou Ethel Vázquez, construirase unha nova senda de case 1 quilómetro pola marxe dereita da estrada, en formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,80 metros. Ademais, para facilitar o cruce entre a senda existente pola marxe esquerda da estrada, disporase un paso de peóns con semáforo con pulsador, antes da parada de autobús.
No marco deste proxecto tamén se mellorará o acceso á praia de Aguete, ampliando a plataforma da estrada para facilitar as manobras, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.
Relacionadas:
-
A senda entre Bagüín e Seixo estará rematada a comezos de 2022
Por Redacción |
-
Aprobadas as expropiacións para o trazado dunha senda peonil entre Pardavila e Cadro
Por Redacción |
-
A construción da senda peonil e ciclista entre Bagüín e Seixo comezará a mediados de abril
Por Redacción |
-
Marín licita os quioscos das praias e o aluguer de hidropedais, canoas e paddle surf
Por Oskar Viéitez |
-
Trece empresas optan a construír a senda peonil entre Bagüín e Seixo
Por Redacción |
-
A conselleira de Medio Ambiente e Territorio supervisa en Marín as obras da rúa Estrada
Por Redacción |
-
En abril rematarán as obras na PO-551 ao seu paso por Bueu
Por Oskar Viéitez |