Denuncian que a Xunta deixou caducar o trámite de extinción dun encoro de 1899 no río Verdugo
Por Oskar Viéitez
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma pola defensa do río Verdugo (PLADEVER) denuncian que a Xunta declarou a caducidade e arquivou os trámites para extinguir a concesión do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno, no río Verdugo.
Segundo estes colectivos ecoloxistas o motivo argumentado por Augas de Galicia é que "ela mesma non resolveu no prazo legalmente establecido (18 meses) o expediente de caducidade deste encoro", cuxa concesión rematou en abril de 2017.
O aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno no río Verdugo data do 20 de setembro de 1899. Dende aquela sufríu varias modificacións que produciron alongamentos do prazo concesional que finalmente rematou en 2017, 118 anos despois do seu outorgamento.
O actual titular da instalación é Naturgy Wind SL.
Durante o último prazo concesional o encoro de Ponte Inferno foi obxecto ademais de numerosas denuncias e expedientes de "regularización" por incumprimento dos caudais ecolóxicos ou deficiencias nos sistemas de remonte de peixes, entre outras irregularidades que "a día de hoxe seguen sen subsanarse", destacan estes colectivos.
A reclamación da extinción da concesión iniciouse cunha petición de Pladever en outubro de 2018, que deu lugar a que en decembro dese ano Augas de Galicia abrira un expediente de extinción por esgotamento do prazo concesional. En xaneiro de 2019 Naturgy presentou alegacións ás que os ecoloxistas respostaron en marzo de 2019 esixindo o precintado cautelar do encoro.
"Inexplicablemente, a administración deixou pasar máis de 8 meses (ata novembro de 2019) para mover un papel, e outros 7 meses máis (até xuño de 2020) para emitir o informe, xusto 10 días despois de que por lei caducara o trámite de extinción", denuncian.
Agora o procedemento deberá comezar de novo, feito que interesaron dende Adega e Pladever, "por se Augas de Galiza esquece facelo de oficio". "E mentras, Naturgy seguirá curtocircuitando o río Verdugo e facendo caixa cun aproveitamento hidroeléctrico que data do século XIX", engaden.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia recomenda a demolición da presa "Ponte do Inferno" do río Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Visita á centenaria presa de Ponte Inferno antes de que desapareza
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Denuncian un exceso de produción de enerxía na presa Ponte Inferno do Río Verdugo
Por Redacción |
-
Reclaman a eliminación da central eléctrica situada no Verdugo
Por Redacción |