Tres persoas investigadas por estafar o seguro por un accidente en Ponte Caldelas
Por Redacción
A Garda Civil investiga tres persoas que están acusadas de tentar estafar a unha compañía aseguradora por mor dun accidente de tráfico ocorrido en Ponte Caldelas que, segundo as autoridades, non ocorreu como dixeron.
Desde o primeiro momento, a Garda Civil sospeitou do relato do accidente. O sinistro produciuse o pasado 10 de outubro na PO-532. Un coche saíu da vía e houbo, segundo os denunciantes, cinco persoas feridas.
Ao chegar ao lugar os axentes entrevistáronse con dúas persoas que aseguraban ser pasaxeiros do vehículo accidentado. O condutor e outras dúas persoas foran trasladados ao hospital e eles, segundo afirmaron, irían facerse unha revisión médica por atoparse indispostos.
Tras realizar unha inspección ocular do lugar e do vehículo accidentado, os investigadores observaron unha serie de contradicións no relato destas dúas persoas.
A partir de aí, terminaron descubrindo, despois de falar co resto dos ocupantes do coche e coa compañía aseguradora, que o tomador do seguro foi quen deu parte do accidente. Era o pai do condutor do vehículo accidentado.
Ademais, no parte do accidente incluíronse a dúas persoas que en realidade non ían no coche.
Estas dúas persoas, xunto co tomador do seguro, son os que deberán responder ante a xustiza polos supostos delitos de falsidade documental e estafa.