A Axencia Tributaria recadou en Pontevedra 7,4 millóns de euros pola amnistía fiscal
Por Oskar Viéitez
A Delegación da Axencia tributaria na cidade de Pontevedra recadou 7,4 millóns de euros pola amnistía fiscal, o 0,6% de toda España.
Pola súa banda, as comunidades autónomas de Madrid e Cataluña concentraron o 64,2% de todo o diñeiro recadado por esta medida extraordinaria que estivo en vigor en 2012 e á que se acolleron patrimonios ocultos que só pagaron polo 10% do diñeiro non prescrito e defraudado a Facenda.
Segundo explican os Técnicos do Ministerio de Facenda, a provincia de Pontevedra coas súas dúas delegacións en Vigo e a capital, supón máis de 18,8 millóns de euros dos case 1.200 millóns recadados.
Na comunidade galega, as delegacións que máis recadaron foron A Coruña (15,5 millóns) e Vigo (11,4 millóns). En total en toda Galicia foron 44,6, o que supón o 3,7% segundo os datos oficiais da Axencia Tributaria.
En todo o país, a adhesión dos contribuíntes a esta medida foi pouco representativa, debido en boa medida á confianza en manter oculto o patrimonio en paraísos fiscais, así como as dúbidas xeradas co recurso de inconstitucionalidade que presentou no seu momento o grupo socialista e a necesidade de presentar complementarias de IVE e do Imposto de Patrimonio. De feito, a amnistía apenas recadou a metade do presupostado polo Ministro de Facenda, que ascendía 2.482 millóns de euros.
Os Técnicos do Ministerio de Facenda estiman que nove de cada dez euros evadidos seguen ocultos polo que consideran que a Axencia Tributaria debería dedicar máis esforzo a perseguir a fraude das multinacionais e grandes compañías do país, en vez de concentrar ao 80% dos recursos en investigar a autónomos, microempresas, pemes e asalariados.