O aumento das compras por Internet polo confinamento aumenta un 32% as estafas leves por Internet en 2020
Por Redacción
Os dez primeiros meses de 2020 confirmaron na provincia de Pontevedra unha tendencia que se viña detectando nos últimos anos: o aumento dos delitos cometidos a través de Internet. Este ano notouse de xeito especial o aumento entre xaneiro e novembro das estafas leves, que supoñen pequenas cantidades de diñeiro.
En concreto, as estafas leves creceron un 32 % respecto ao mesmo período do ano anterior, incremento que as Forzas de Seguridade atribúen ao aumento das compras por Internet neste tempo polas restricións sanitarias derivadas da covid-19, tanto os confinamentos como os peches perimetrais de municipios.
Os cargos en tarxetas de crédito son as fraudes máis comúns e a orixe da maior parte destas estafas sitúase nos países balcánicos e asiáticos, o que supón unha dificultade engadida para os investigadores.
Os datos deunos a coñecer este mércores a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, despois de presidir a Xunta Provincial de Seguridade. Á reunión tamén asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Pérez; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; e a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma.
A subdelegada quixo pedir á veciñanza moita precaución á hora de facer compras na rede, pois no Nadal aumenta o consumo en liña. "Nestas datas debemos prestar unha especial atención ás nosas actividades comerciais e formas de pago na rede", sinalou.
Larriba sinalou que en liñas xerais, o índice de infraccións penais na provincia reduciuse nunha porcentaxe moi importante este ano 2020, cun descenso de delitos como os roubos e os furtos que contrasta con ese aumento dos ciberdelitos e tamén dos delitos por ameazas e malos tratos no ámbito familiar. Entre as causas deste aumento atópanse as restricións á mobilidade, o límite horario da hostalaría e o confinamento domiciliario, que obrigan a pasar un maior tempo na casa.
Este descenso notouse de xeito especial nas cidades. Vilagarcía de Arousa e Pontevedra tiveron descensos máis acusados e o de Vigo foi menor, pero tamén cunha tendencia á baixa.
Así mesmo, na reunión analizáronse os datos de tráfico e seguridade viaria da provincia. No que vai de ano constatouse unha baixada interanual no índice de accidentes de tráfico, contabilizándose dous falecidos menos que no ano 2019. As estradas autonómicas acumulan o maior índice de mortalidade.
No relativo ás medidas impostas pola crise sanitaria, durante o mes de novembro, a Policía Nacional e Garda Civil realizaron máis de 2.000 controis de cumprimento dos peches perimetrais, nos que se vixiaron máis de 30.000 vehículos e 32.000 persoas.
Relacionadas:
-
Os policías reclaman máis medios para loitar contra o preocupante aumento da ciberdelincuencia
Por Oskar Viéitez |
-
Demandan máis persoal da Policía Nacional para a investigación de ciberdelitos, á alza nos últimos meses
Por Natalia Puga |
-
Un pontevedrés denuncia que unha muller á que coñeceu por internet estafoulle 72.000 euros coa escusa da cobranza dunha herdanza
Por Natalia Puga |
-
A ciberdelincuencia non para de crecer e é xa o delito máis numeroso en toda a provincia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |