Alerta en Pontevedra tras detectarse unha repunta de casos "nos últimos dous ou tres días"
Por Alejandro Espiño
A incidencia da covid-19 na cidade de Pontevedra é "estable", segundo as autoridades sanitarias. Con todo, existe certa preocupación ante o incremento de casos que se está a producir "nos últimos dous ou tres días".
Así llo trasladaron ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os responsables do complexo hospitalario na xuntanza que mantiveron de xeito telemático.
Os casos activos en Pontevedra son actualmente un total de 222, nove menos que onte.
Isto sitúa a incidencia acumulada en 214 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días e en 120 casos a 7 días.
Sanidade trasladará aos concellos as medidas concretas para o Nadal a próxima semana e, mentres tanto, manterá vixentes as actuais restricións en Pontevedra.
Continuará o peche perimetral con Poio e Marín e a hostalería poderá abrir ata as cinco da tarde, ocupando o 50% das terrazas e o 30% dos interiores. As xuntanzas sociais seguirán limitadas a catro persoas, sexan ou non conviventes.