Quedan en liberdade dous dos sete detidos por tráfico de drogas na redada con epicentro en Salcedo
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Dous das sete persoas detidas este martes na última operación antidroga realizada de forma conxunta entre a Garda Civil e a Policía Local de Pontevedra quedaron en liberdade xa na Comandancia pontevedresa, sen esperar á súa posta a disposición xudicial.
Os cinco restantes permanecen nos calabozos da Comandancia da Garda Civil e está previsto que durante as próximas horas sexan postos ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que dirixe o operativo. En principio, todo apunta a que irán ao xulgado mañá xoves.
O xulgado decretara o secreto de sumario, pero nas últimas horas xa se levantou. De todos os xeitos, a información oficial segue sendo escasa ata que os cinco detidos declaren #ante o xuíz.
Nese momento poderá saberse a cantidade de droga intervida aos detidos, que se dedicaban á venda polo miúdo de distintas substancias, entre elas, marihuana e cocaína. Fontes coñecedoras da investigación indicaron que, en principio, pillouse unha cantidade pequena de droga, menos dun quilo, ademáis dunha substancia pouco habitual en operacións realizadas en Pontevedra, anfetaminas.
Fontes consultadas por PontevedraViva confirmaron esas sete detencións totais, das que tres se produciron na casa de San Blas, en Salcedo, na que se realizou o rexistro máis importante desta operación. Os axentes da Policía Local e a Garda Civil permaneceron varias horas na casa para revisala a fondo, en presenza dos tres detidos.
Nesa casa foron detidos unha persoa familiar dos propietarios -trátase dun chalé unifamiliar que pertence á familia da moradora desde hai anos-, outra con vínculos con ela e unha terceira persoa que vivía de alugueiro nunha construción anexa.
Ademais, outro familiar foi detido nunha vivenda do Paseo de Colón tamén rexistrada. Así mesmo, houbo dúas persoas detidas en dous rexistros realizados no barrio de Monte Porreiro e unha persoa máis nunha vivenda da rúa Manuel do Palacio.
En total, este martes realizáronse durante a mañá e de forma simultánea seis rexistros, en Salcedo, dous lugares de Monte Porreiro, Paseo de Colón, Manuel do Palacio e un último lugar, un mesón da rúa Peregrina. Neste local non se produciu ningunha detención, pero o seu responsable si estivo presente no rexistro.
Tras realizarse as primeiras dilixencias, xa na tarde do martes quedaron en liberdade dúas desas persoas en sede policial.
A operación é resultado de meses de investigación realizada de forma conxunta. Unha vez que se realizaron as detencións e rexistros, os axentes están centrados na análise da droga intervida e da documentación que levaron dalgunhas das propiedades revisadas. Ademais, atopáronse algunhas cantidades de diñeiro das que agora deberán determinar a orixe e se proceden de actividades de tráfico de drogas.
Relacionadas:
-
Salcedo, epicentro dunha nova operación policial antidroga en Pontevedra con sete detidos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada