O PP reclama outro trazado para a EP-9106 para dar continuidade ás escavacións en Adro Vello
Por Redacción
O Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra un estudo previo sobre a viabilidade de deseñar un novo trazado para a EP-9106, na contorna do xacemento de Adro Vello, no Grove, e a súa posterior execución, co fin de favorecer a continuidade e consolidación das escavacións arqueolóxicas.
Así o anunciaron os deputados provinciais do PP, Jorge Cubela, Paz Lago e Javier Tourís, que se desprazaron ata O Grove para visitar o xacemento xunto á presidenta local do PP, Beatriz Castro, e outros membros da agrupación local. Presentarán unha moción no pleno provincial de decembro na que reclamarán este cambio na EP-9106. Entenden que é un paso importante para reactivar e poñer en valor este xacemento arqueolóxico e da súa contorna.
"Pedimos ao Goberno provincial que aposte definitivamente por este conxunto arqueolóxico, que faga unha xestión de altura para poñelo en valor, pero tamén que estude as posibilidades para dar continuidade ás escavacións", defende Cubela.
A presidenta local do PP, Beatriz Castro, explica que unha gran parte dos restos esténdense por debaixo da actual estrada provincial, polo que "é inviable que se amplíen os traballos no xacemento a non ser que haxa un cambio no seu trazado". Ademais, recorda que está a piques de comezar o Xacobeo 2021, no que o xacemento vai ter un papel destacado xa que a moeda do Adro Vello vai ser a moeda conmemorativa. "Hai que facer unha aposta decidida e seria polo Adro Vello, é unha xoia que temos no Grove e que está totalmente abandonada", defende Castro.
Por iso, piden á Deputación que encargue un anteproxecto e que tramite un estudo previo no que se inclúa tamén o estudo de alternativas a este trazado.
Trátase dunha xestión que ten que promover a Deputación de Pontevedra, como titular da estrada provincial, e que resolve finalmente o Consello da Xunta de Galicia a través da Lei de Estradas de Galicia.
Os populares sinalan que o plan urbanístico no que está traballando o Concello do Grove non inclúe ningún vial alternativo, "e por iso é necesario que se estuden novos trazados desta estrada provincial para que a ampliación de Adro Vello sexa unha realidade", aseguran. Ademais, recordan que esta reclamación coincide co anuncio da Xunta para iniciar os trámites e declarar o xacemento arqueolóxico de Adro Vello de Ben de Interese Cultural, o primeiro paso para potenciar este enclave, engaden.
Relacionadas:
-
A comisión para recuperar o xacemento de Adro Vello arranca sen a Xunta
Por Redacción |
-
Chamamento desde O Grove para "desatascar" a protección de Adro Vello e declaralo BIC
Por Redacción |
-
O Goberno provincial e o PP escenifican a súa división no pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Xunta aposta por declarar Ben de Interese Cultural o xacemento de Adro Vello
Por Redacción |
-
Atopan restos de peixe de hai 1.700 anos no xacemento romano de Adro Vello
Por Redacción |