O PSdeG emendará o "desfile das promesas incumpridas" dos Orzamentos da Xunta na comarca
Por Oskar Viéitez
A deputada do PSdeG-PSOE Paloma Castro anunciou a presentación de emendas ao "desfile das promesas incumpridas" dos Orzamentos da Xunta na comarca de Pontevedra, na liña da conversa mantida cos responsables socialistas en Marín, Poio, Ponte Caldelas, Bueu, A Lama e Forcarei.
Castro indicou que na capital provincial, o pavillón polideportivo da Parda, o dragado da ría, a variante de Alba "cunha partida decorativa" ou o acondicionamento do edificio vello dos xulgados, "que precisa unha reforma urxente", son algunhas das cuestións sobre a mesa. A propósito de Montecelo indicou, que tras 11 anos de atraso, "hai espazo para o maior dos escepticismos sobre o último calendario anunciado".
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, afirmou que o seu Concello "non viu un céntimo da Xunta en 5 anos, mentres día si e día tamén vemos convenios a dedo con outros concellos". Ponte Caldelas continúa reclamando a apertura como Centro de Día da Casa da Quintán, saneamentos nas parroquias, rehabilitación da Área Arqueolóxica de Tourón, obras no Centro de Saúde e a rehabilitación dos pasos de Taboadelo, sobre o río Verdugo.
A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, expresou a súa preocupación polo impacto dos parques eólicos. "Apoiamos a enerxía sostible, pero con transparencia e información e sen danar a paisaxe e o patrimonio". A alcaldesa reclamou saneamentos, abastecementos "temos máis de 100 aldeas e en 80 non hai este servizo", a instalación de herba artificial no campo de fútbol, concentracións parcelarias e limpeza dos ríos, entre outras cuestións.
O voceiro socialista en Poio, Gregorio Agís, destacou que con estas Contas "continúa o bloqueo histórico a Poio", que segue agardando por asuntos comprometidos hai unha década como o arranxo dos portos de Raxó e Covelo, o Centro de Saúde, o polígono de Fragamoreira ou a construción das sendas peonís por todo o trazado da PO-308 "en lugar de parches". "E menos mal que o Estado, a través do Ministerio de Transición Ecolóxica declarou de interese xeral a depuradora para Raxó e Samieira, porque, de seguir dependendo da Xunta, seguiriamos agardando", afirmou.
O voceiro socialista en Bueu, Jose Manuel Vilas, reclamou a mellora da seguridade e urbanización da estrada autonómica PO-315 ao paso pola localidade, "que conta cunhas beirarrúas e unhas condicións lamentables". Ademais, puxo de manifesto a necesidade de reparar os colexios e construír un novo en Cela, así como a execución do paseo marítimo no centro urbano para que Bueu deixe de ser un dos poucos pobos sen esta dotación.
Dende Cerdedo-Cotobade, Lina Garrido, lembrou que seguen sen médicos en Cerdedo e o consultorio de Carballedo continuará sen sala de espera e con persoas enfermas agardando á intemperie.
A concelleira marinense Luz "Uchi" Santiago destacou que "os únicos proxectos que van saíndo adiante en Marín son os que impulsou e deixou preparados o anterior Goberno local socialista, como o colector xeral". Reiterou a urxencia da mellora da seguridade viaria na PO-313, as obras pendentes nos colexios de Aldán, A Laxe e Sequelo e a necesaria ampliación do abastecemento de auga.
O secretario xeral da Lama, Enrique Vaqueiro, amosou a súa preocupación polo "ritmo lento na modernización das estradas autonómicas" que cruzan todo o concello ata Portela da Cruz. Un trazado de quince quilómetros dos que só se acometeron catro "e agora anuncian dous quilómetros e xa non teñen intención de seguir porque quedan os tramos máis complicados en Seixido e A Barcia".
Relacionadas:
-
Enrique Vaqueiro non será candidato do PSOE á Alcaldía da Lama en 2023
Por Redacción |
-
Os socialistas lamentan o "bloqueo sistemático" da Xunta ao municipio de Poio
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman melloras no centro de saúde de Carballedo e a reforma de dúas estradas
Por Redacción |
-
O BNG de Marín chama a mobilizarse por unha atención sanitaria presencial e máis medios no centro de saúde da vila
Por Redacción |
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide unha comisión de seguimento para vixiar as mocións aprobadas e sen executar
Por Redacción |
-
O Partido Socialista presenta emendas aos orzamentos da Xunta "diante dos continuos incumprimentos con Poio"
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Caballero critica a "falla de proxecto para a recuperación" nos orzamentos da Xunta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva di que os orzamentos da Xunta son "unha labazada na cara dos concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP fala de orzamento "histórico" mentras que o PSOE reclama "máis compromiso" con Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |