28 familias en risco de exclusión social terán cea de Noiteboa grazas a unha carnicería de Samieira
Por Redacción
Mary Taboada, responsable da Carnicería Taboada de Samieira, decidiu que este 2020 ningunha familia de Poio quede sen unha boa cea de Noiteboa. Segundo indican desde a concellería de Servizos Sociais de Poio, esta coñecida empresaria está a preparar un menú para as persoas con menos recursos do municipio.
Desta forma, 28 familias, en total 84 menús, poderán gozar dunha cea composta por unha sopa, pescada, solombo e torta de trufa. Todos os produtos foron doados de maneira altruísta pola propia Mary Taboada.
A concelleira Rosa Fernández, responsable de Benestar Social e Mocidade, agradece este esforzo solidario. O persoal deste departamento será o encargado de trasladar a cea durante esa data. A maioría destas familias en risco de exclusión social atópanse formadas por dúas ou tres integrantes, pero tamén hai casos de familias numerosas.
Por outra banda, a concellería de Benestar Social tamén anunción que o venres 18 de decembro levará a cabo o sorteo dunha cesta do Nadal, doada por Supermercados Froiz. Realizarase un sorteo na Casa Rosada, que se gravará e colgarase nas redes sociais do Concello de Poio.
A cesta sortearase entre persoas maiores de 60 anos de Poio que se anotaran durante o curso nas actividades Saudemente ou Taichí. Para optar á cesta é necesario estar empadroado no municipio. O sorteo emitirase ás 12.00 horas do venres.