Doce anos e nove meses de cárcere por tentar asasinar á súa muller encaixando o seu coche en Rande
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a doce anos e nove meses de cárcere a A.M.R., un home acusado de tentar matar á súa muller encaixando o coche no que viaxaban contra outro á altura da ponte de Rande.
A sección cuarta da Audiencia considérao autor dun delito de asasinato en grao de tentativa e doutro de intento de homicidio respecto ao condutor do turismo contra o que chocou á mantenta.
Todo ocorreu cando a parella estaba en proceso de divorcio e o tribunal indica que carece de "dúbida algunha" respecto a que o accidente foi "intencionado".
As maxistradas que integran o tribunal consideran probado que o sospeitoso dirixiu o coche contra outro vehículo "a gran velocidade" e sen accionar o freo en ningún momento e que con esta acción a súa intención era "atentar contra a vida da súa muller".
A sentenza conclúe, ademais, que o condenado cometeu os feitos con aleivosía, pois a muller careceu "de capacidade algunha de reacción ou defensa".
A Fiscalía pedía para este home catorce anos de prisión, dos que finalmente foi condenado a 12 e 9 meses. Pola súa banda, o acusado, no xuízo celebrado na Audiencia, negou a súa intención homicida e asegurou: "son unha persoa tranquila, non son violento para nada".
A súa versión dos feitos difire da achegada pola vítima, que asegura que o acusado lle dixo que "hoy vamos a morir los dos" e púxose a buscar un camión que tivese contedora para chocar de fronte contra el ou por detrás.
A muller tamén sostivo que despois do golpe o seu marido saíu do coche e, ao ver que a pesar do aparatoso do accidente ambos saíron ilesos, dixo: "me salió mal la jugada".
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a condena a un home que tentou asasinar á súa muller encaixando o seu coche en Rande
Por Redacción |
-
"Hoy vamos a morir los dos", asegura que lle dixo o seu esposo antes de provocar un grave accidente de tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
A xuízo por tentar matar á súa muller nun accidente de coche en pleno proceso de divorcio
Por Redacción |