Poio bonificará o IBI a familias numerosas, a viñeta a coches ecolóxicos e as herdanzas en vida
Por Redacción
Tres impostos municipais será os que bonifique o Concello de Poio a partir de 2021. Trátase do IBI, a viñeta dos coches e as plusvalías, cada un deles coa súas propias particularidades. Así vaise a tratar na comisión de Facenda que se celebrará este mércores.
O edil desta área, Xulio Barreiro, explica que esta decisión está pensada para contar cuns impostos que sexan "máis equilibrados e máis xustos" e reducir a pegada do carbono.
Poio proporá unha bonificación do 50% no recibo do IBI a aquelas familias numerosas cuxa declaración da renda anual sexa inferior aos 30.000 euros. Tamén se contemplan bonificacións para empresas do sector agrario. Pola contra, incrementarase o imposto nun 25% única e exclusivamente en vivendas que se atopen baleiras.
Barreiro recalca que só se aplicará esta suba en inmobles que estean sen uso, polo que non afectará nin a vivendas arrendadas nin aquelas que conten con xente empadroada.
"É unha cuestión de xustiza que paguen menos impostos aquelas persoas e familias que se atopan nunha situación económica máis difícil, especialmente nestes tempos", engade o edil do BNG, que considera que "non ten sentido" que pague o mesmo unha familia numerosa con ingresos anuais modestos "que quen ten unha segunda vivenda sen darlle uso".
Haberá tamén bonificacións para vivendas que foran construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos e sistemas que garantan o aforro enerxético, pero que se contemple a súa instalación, como poderían ser, por exemplo, os paneis solares.
Outra modificación que se prevé aprobar no pleno ordinario de decembro ten que ver coas plusvalías. O Concello aplicará unha bonificación do 50% para as herdanzas que se realicen en vida e que só se aplicaba en caso de traspaso de titularidade por falecemento.
Por último, o goberno municipal de Poio tamén quere incentivar o uso de vehículos que sexan respectuosos co medio ambiente e limiten a emisión de contaminación.
Por iso establecerán bonificacións do 50% no imposto de vehículos para propietarios de automóbiles híbridos. Ademais, quen conte cun vehículo 100% eléctrico quedará exento de pagar este recibo. Para o resto de vehículos contémplase un incremento do 10%.
CONXELACIÓN DE TAXAS
Á marxe destas novas bonificacións, o goberno municipal prevé manter conxeladas o resto de taxas municipais, como vén facendo desde 2013.
"Non haberá grandes cambios, o que estamos a facer é ser máis equitativos á hora de aplicar bonificacións, ao mesmo tempo que queremos marcar unha liña máis beneficiosa desde o punto de vista medioambiental", concluíu Xulio Barreiro.
Relacionadas:
-
Poio anuncia que xa se poden solicitar as bonificacións no IBI, viñeta e plusvalías
Por Redacción |
-
O goberno local asegura que a viñeta de Poio é a máis baixa da comarca
Por Redacción |
-
Intervención informa en contra da impugnación do PP de Poio contra as bonificacións do IBI e da viñeta
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio convoca unha manifestación con vehículos contra a subida de impostos no concello
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio impugna os acordos aprobados polo Pleno relativos á subida de impostos
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno de Poio saca adiante un axuste de impostos entre fortes críticas da oposición
Por Redacción |
-
O PP de Poio afirma que o Concello quere subir o IBI aos inmobles deshabitados
Por Oskar Viéitez |
-
Poio aproba a bonificación do lixo para a hostalería e anuncia medidas similares para o IBI, a viñeta e as plusvalías
Por Oskar Viéitez |
-
Poio aplicará no vindeiro recibo do lixo a bonificación por cese de actividade
Por Redacción |