As axudas Supera21 suavizarán os seus requisitos e poderán optar empresas con máis traballadores
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra está a ultimar a nova convocatoria de axudas a autónomos e microempresas, integrada no programa Supera, que nesta ocasión terá requisitos menos estritos e á que poderán optar empresas de máis de dez traballadores.
Así o avanzou este luns a portavoz municipal, Anabel Gulías, que explicou que estas axudas Supera21 están a acordarse con varias asociacións da cidade, entre elas a Plataforma de Afectados pola covid-19 e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Nos primeiros contactos con elas, segundo a edil do BNG, "o grao de acordo é satisfactorio". Os cambios irán encamiñados a que as axudas sexan "para todos os sectores", de forma que sexa "máis xusto e equitativo", engadiu.
Entre outras modificacións, nesta nova convocatoria haberá máis tempo para que os interesados presenten as súas solicitudes, ao entender que un prazo de quince días era "insuficiente" para rexistrar toda a documentación e tramitalas.
Ademais, o Concello elevará o límite máximo de traballadores dos establecementos ou negocios que queiran optar a estas axudas, actualmente fixado en dez, e tamén se flexibilizarán os supostos financiables.
Neste último apartado, segundo puxo Anabel Gulías como exemplo, incluiranse os veladores como mobiliario urbano, polo que os hostaleiros poderán obter axudas para cambiar as súas terrazas ou instalar lonas para protexer aos seus clientes do vento ou a choiva.
A falta de pechar os detalles cos colectivos aos que, principalmente, van destinadas estas axudas, Gulías avanzou que o Concello achegará o diñeiro "que faga falta" para que ningún interesado quede sen acceder a elas, a medida que se vaian tramitando as solicitudes.
Relacionadas:
-
Supera21 activa un plan de 1,3 millóns en axudas a autónomos e microempresas
Por Alejandro Espiño |
-
Reunión do alcalde con representantes das axencias de viaxes para informar das axudas Supera21
Por Redacción |
-
Velorio pola hostalería perdida pola pandemia na Peregrina
Por Manu Otero |
-
Os solicitantes das axudas Supera20 cobrarán a partir da próxima semana
Por Alejandro Espiño |
-
Os hostaleiros non pagarán polos veladores durante o tempo que estivesen pechados
Por Redacción |
-
Pontevedra financiará a compra de equipos informáticos para a educación a distancia
Por Alejandro Espiño |
-
Os 160 beneficiarios do Plan Supera20 recibirán unha axuda media de 3.000 euros
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra activará unha nova línea de axudas para sectores afectados pola covid-19
Por Alejandro Espiño |