Marín en Rede presenta o vídeo da campaña '#EmbaixadoresDoNoso'
Por Redacción
O Concello de Marín vén de lanzar unha peza que procura ser un revulsivo para o pobo de Marín despois dun ano tan difícil, para así reactivar o comercio do municipio de cara a 2021. Trátase do vídeo da campaña #EmbaixadoresDoNoso a través da plataforma dixital da economía local Marín en Rede.
"Merca, consume e vive local" é a frase común que se defende nesta segunda peza audiovisual elaborada a través de Marín en Rede. Para realizala escolleron a seis persoas de diferentes sectores do municipio para exercer como embaixadores dos valores e capacidades, que nos dan as claves para crear #OMarínQueQueremos.
Na parte empresarial, participou no vídeo a viúva de Ceferino Nogueria, Julia García, que destaca a capacidade traballadora do pobo de Marín e o seu apego familiar. Representando ao eido rural, está Fina Cabaleiro, da Adega de Ardán, que grazas ao seu esforzo foi quen de poñer no mapa produtos coa firma marinense.
O xornalista Carlos Prado participa no vídeo asegurando que, a pesar de todos os lugares que poidamos visitar, as mellores historias sempre están ao carón da casa. No deporte, contaron coa participación de Irene Trabazo, ciclista sub-23 do XSM Club, que está a acadar grandes logros na súa traxectoria e que está segura de que o pobo é capaz de alcanzar calquera cumio, pedalada a pedalada.
Así mesmo, Marín conseguiu ver novas aventuras empresarias nacer a pesar dos malos momentos. Foi o caso de Los Tres Monos, o restaurante que abriron Rubén Paz e Fernando Fernández en Aguete e que quixeron transmitir ao vídeo ese espírito valente e emprendedor.
Finalmente, a artista Celeste Garrido representa ao sector cultural, afirmando a necesidade de apostar por un Marín vangardista, culto e integrador, que utilice as artes como un catalizador máis do crecemento e o progreso do municipio.
O Concello, pola súa banda, agradece a todos os embaixadores a súa participación e espera que a sociedade marinense se sinta apoiada e esperanzada de cara a un 2021 que será un ano de melloras, cambios e avances para Marín "porque é preciso seguir adiante. "E para iso o noso comercio, a nosa hostalaría e todo o noso tecido produtivo necesítanos máis ca nunca, porque así seguiremos creando #OMarínQueQueremos".
Relacionadas:
-
Marín cifra en 82.000 euros o impacto no comercio local da súa campaña de dinamización
Por Redacción |
-
Trescentas familias de Marín están a recibir a axuda das ong que operan no municipio
Por Redacción |
-
A caixa de correos da Praza España de Marín xa empeza a encherse coas tarxetas regalo
Por Redacción |