O monte de Tomeza acollerá as árbores de Nadal despois das festas
Por Redacción
A Concellaría de Montes, que dirixe Alberto Oubiña, en colaboración coa Comunidade de Tomeza ofrece aos pontevedreses a posibilidade de replantar a súa árbore de Nadal natural, ou vén ceder a árbore ao Concello para darlle unha segunda oportunidade. Os interesados deberán inscribirse na web municipal antes do 5 de xaneiro.
A Concellaría de Montes en colaboración coa Concellaría de Festas, que xestionan Alberto Oubiña e Carme da Silva, e a Comunidade de Montes de Tomeza poñen en marcha este Nadal o programa "Rearborízate"; unha iniciativa que quere alongar a vida as árbores de Nadal naturais que nestas datas encherán de vida e alegría os fogares, comunidades de veciños ou centros de traballo.
Para iso a Comunidade de Montes de Tomeza ofrece á Concellaría que xestiona Alberto Oubiña unha parcela na que os donos das árbores poderán replantar ese exemplar e gozar del o resto da súa vida. A Concellaría tamén dá a opción de cedela ao Concello, no caso de que non se decidan a plantala eles mesmos.
A plantación está prevista para o vindeiro 9 de xaneiro e todas as persoas que queiran participar no programa, deben poñerse en contacto coa Concellaría de Montes no teléfono 986804300 (extensión 7583) ou cubrindo o formulario habilitado no web apuntate.pontevedra.gal antes do 5 de xaneiro.
O departamento porase en contacto con cada participante para informarlles das datas de plantación ou, no caso de que só queiran entregar a árbore, onde poderán depositala.
Para que as árbores sexan viables no monte, a Concellaría pide que durante o Nadal (mentres a árbore está nos domicilios ou centros de traballo) se adopten unha serie de sinxelos consellos coma afastar as árbores de fontes de calor como radiadores ou chemineas, e tamén debe estar preto dunha fiestra, e incluso, que lle dea aire fresco. Tamén requiren un rego abundante pero sen encharcala. Un pouco de auga na base, a diario, será suficiente para que sobreviva.
Ademáis as árbores deberán conservar o seu terrón, e non deben ter as pólas cortadas, senón non sobrevivirán.
A información do programa tamén se repartirá nos stands de Tempo de Nadal da Ferraría que se abrirá este xoves, 17 de decembro.
Relacionadas:
-
Quince arboles de Nadal teñen unha segunda vida grazas a Rearborízate
Por Redacción |
-
As árbores naturais de Nadal terán unha segunda vida con 'Rearborízate'
Por Redacción |
-
As árbores de Nadal alongan a vida en Tomeza
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Amplíase ata o venres 8 o prazo para donar a árbore de Nadal e permitir a súa replantación
Por Redacción |