Sete ideas de negocio seleccionadas por AJE e ENCE compiten para obter financiamento
Por Redacción
A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE Pontevedra) e ENCE celebran o martes, 15 de decembro, a partir das 18 horas, o foro de financiamento da III edición da Aceleradora Ría de Pontevedra, unha xornada na que os sete emprendedores presentarán os seus proxectos a diferentes entidades financeiras tras recibir o asesoramento de tres meses do programa.
O evento, que se celebra na sede da Xunta en Pontevedra, contará coa presenza do vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda; o director de ENCE, Antonio Casal e o presidente de AJE, Jesús Rey.
Os emprendedores terán a oportunidade de dar a coñecer as súas ideas de negocio a representantes do Banco Santander, do Sabadell, de Abanca e de Caixa Rural, entre outras de carácter privado. O mellor proxecto participante nesta terceira edición da aceleradora recibirá un premio, por parte do Banco Santander, de 3.000 euros, o Sustainble Pontevedra challengue.
A terceira edición da aceleradora Ría de Pontevedra, que está a apoiar proxectos emprendedores nos municipios de Pontevedra, Marín e Poio, inclúe ideas de negocio vinculados co sector téxtil: pezas de roupa con deseños relacionados coas tatuaxes da xente do mar; calzado 100% ecolóxico e unha liña de artigos eco-sostibles para surfeiros. Outra das propostas está relacionada coa alimentación, concretamente, coa elaboración de viños, queixos e outros produtos lácteos. Tamén se inclúe unha proposta de equipos de climatización para fogares ou negocios.
Por outra banda, a través deste programa recibiu apoio un proxecto que contempla a produción de taboleiros ecolóxicos, destinados a empresas de mobiliario. Así mesmo, inclúese unha proposta para crear un centro de innovación que potencie o uso sostible de recursos. Ademais dun proxecto que fomentará a economía circular nos eventos deportivos ao aire libre.
O presidente de AJE, Jesús Rey, destaca que "a terceira edición da aceleradora Ría de Pontevedra enmárcase na nosa aposta pola dinamización económica, a xeración de emprego e a creación de novas empresas. Queremos que os concellos de Pontevedra, Marín e Poio convértanse en escenarios propicios para o emprendemento sostible".
Relacionadas:
-
AJE e a Asociación Galega de Corredores de Seguros asinan un acordo de colaboración
Por Redacción |
-
Culmina a Aceleradora Ría de Pontevedra coa presentación de sete proxectos emprendedores
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A aceleradora Ría de Pontevedra inicia a súa terceira edición con ideas que estarán no mercado en menos dun ano
Por Redacción |