8 pacientes de coronavirus permanecen na UCI de Montecelo
Por Oskar Viéitez
Este domingo 13 de decembro a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés mantén os 851 casos activos notificados este sábado.
No Concello de Pontevedra o número de casos activos notificados pola Consellería de Sanidade este domingo é de 230, o que supón un incremento de 12 persoas con respecto á xornada do sábado.
Pola súa banda, o Concello de Poio foi informado de 40 casos activos, tres menos que onte.
Sanidade informou ao Concello de Marín de 52 casos activos ata este domingo, seis máis respecto a onte.
Nas últimas 24 horas na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés déronse 67 altas pero detectáronse outros tantos contaxios polo que o cómputo global non variou.
Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 5.119 pacientes con covid-19 e faleceron por este virus na área sanitaria 70 pacientes. O último, onte no Hospital Montecelo, un home de 93 anos procedente da Residencia Soremay Pontevedra, que presentaba patoloxías previas.
Mantéñense 38 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización. Concretamente 29 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no QuirónSalud Miguel Domínguez e 7 no Hospital do Salnés.
Ademais 8 pacientes de coronavirus permanecen na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
Así mesmo, permanecen 805 casos covid evolucionando en domicilio.
En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 982, que se engaden ás 100.802 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés .
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.521 deles 993 son da área da Coruña, 498 da de Lugo, 424 da de Ourense, 851 da de Pontevedra, 1.317 da área de Vigo, 905 da de Santiago, e 533 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 52 están en UCI, 297 en unidades de hospitalización e 5.172 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 49.634 persoas curadas, rexistrándose 1.306 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 983.162.