O PP de Poio afirma que o Concello quere subir o IBI aos inmobles deshabitados
Por Oskar Viéitez
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, sostén que o goberno local ven de propoñer, para debatir e votar no Pleno deste mes de decembro, "unha subida de impostos xeralizada", coa modificación das ordenanzas fiscais correspondentes para facer efectiva unha subida da viñeta a, practicamente, todos os vehículos do municipio e unha subida do 25% do IBI aos inmobles deshabitados.
Moldes lembra que o PP leva tempo reclamando a baixada de impostos como o IBI, a eliminación das plusvalías e a bonificación de taxas e tributos aos afectados pola crise da covid.
Os populares lamentan que "nestes momentos tan difíciles que estamos a vivir, o goberno local queira poñerllo aínda máis difícil", e destacan que "mentres outros concellos apostan por axudar aos veciños, o Tripartito aposta por sacarlles máis cartos", suliñando que "todos os que teñan unha moto, un coche ou unha furgoneta pagarán máis cada ano e todos os que teñan unha segunda segunda residencia ou un inmoble sen vender ou alugar pagarán un 25% máis de IBI".
Ángel Moldes xa adianta o voto do seu grupo en contra desta suba. "Desde o PP de Poio sempre dixemos que a medida que temos que aplicar é unha baixada de impostos a todas as familias e un alivio na presión fiscal a negocios, autónomos, pemes e empresas que estiveron pechados ou se viron afectados pola covid e seguirémolo defendendo".