O PP condiciona o seu apoio ao Plan Concellos a que a Deputación aumente o investimento
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular amosa a súa disposición a votar a favor do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2021 si o Goberno bipartito aumenta os 42 millóns de euros que vai destinar aos concellos de menos de 50 mil habitantes.
Os populares reclaman ao Goberno que abra unha negociación do Plan Concellos.
"Desde o PP cremos que este plan é mellorable, e por iso amosamos a nosa disposición a negociar en beneficio dos concellos e da cidadanía", defende o voceiro do grupo, Jorge Cubela. "É o único plan de investimentos provincial para os concellos e por iso desde o PP queremos que se amplíe", sinala.
Ademais, considera que "sería moi positivo para a provincia de Pontevedra e para os concellos que este plan saíra aprobado por unanimidade, recollendo as aspiracións dos diferentes grupos políticos, de todos os alcaldes e alcaldesas e poder servir á provincia".
Cubela entende que "tendo en conta a situación actual, con todas as necesidades e gastos ocasionados pola pandemia sanitaria, social e económica, a Deputación de Pontevedra ten que facer un esforzo extraordinario cos concellos. É unha proposta necesaria e viable".
Nesta liña, di que mentres o orzamento da Deputación para o ano 2021 aumenta e hai 18 millóns de euros de remanentes, "o Plan Concellos se conxela".
Os populares recordan que este plan dá cumprimento ao que marca a Lei de racionalización e sostibilidade das administracións locais, que no seu artigo 36.2 di que teñen que aprobar anualmente un plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, en cuxa elaboración deben participar os concellos da provincia.