Poio dá a benvida ao Nadal cunha programación "segura, alternativa e chea de sorpresas"
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, presentaron este venres a programación de Nadal 2020, unha iniciativa que aposta por ofrecer á veciñanza actividades e espectáculos para todas as idades e perfectamente adaptadas aos protocolos de seguridade, hixiene e aforo marcados polas autoridades sanitarias.
Tal e como explicou a titular deste departamento, o virus obrigou a modificar notablemente o programa con respecto a edicións anteriores, "pero non por iso imos renunciar a desenvolver un elenco de citas que fomenten o espírito do Nadal e sirvan tamén como pulo dinamizador para o tecido empresarial do noso municipio".
Ante a imposibilidade de organizar eventos para públicos masivos, apóstase, por exemplo, por espectáculos que requiren de inscrición previa.
É o caso, por exemplo, dos Apalpadoriños: un Nadal para cantar, brincar e bailar, de Nelson Quinteiro Producións. Esta será a cita que inaugure a programación este sábado 12, no Xaime Illa, ás 18.00 horas. As prazas ofertadas xa están cubertas, se ben haberá un segundo pase o domingo 27 de decembro.
O mércores 23, ás 18.00 horas, o local social de Campelo será escenario dun espectáculo de maxia a cargo do Mago Paco.
O sábado 26, o Xaime Illa acollerá un concerto a cargo da Escola de Acordeóns (18.30 horas), mentres que o martes 29 será a quenda dos títeres, coa obra O traxe do novo rei, a cargo de Tarabelos (local social de Campelo, 18.00 horas). Todos estes espectáculos serán gratuítos, tal e como avanzou Raquel Rodríguez.
Á marxe destas actividades, tamén terán protagonismo diferentes citas de animación en todas as parroquias, entre as que se inclúen batucadas, concertos ou visitas dos Trasnos de Nadal.
Destaca, asemade, o percorrido que realizará Papa Noel o 20 de decembro polas estradas de Poio, acompañado polos integrantes do Rosa dos Ventos Motoclub.
Nestes tempos marcados pola pandemia, a programación de Nadal tamén se marca coma obxectivo dar un pulo á actividade dinamizadora do tecido empresarial.
"Repartiremos preto de 2.000 bolsas de merchandising entre comercios e negocios para que a entreguen á súa clientela, para fomentar ao máximo posible o espírito destas datas tan emblemáticas", conclúe Raquel Rodríguez, que aclarou que a situación que estamos a vivir non impedirá que a cativada de Poio teña a ocasión de trasladar os seus desexos ao Apalpador, Papa Noel e os Reis Magos.
Nas cinco parroquias se habilitarán caixas de correo para que a rapazada poida depositar as súas cartas coas súas peticións.