Denunciado un malagueño por viaxar en autocaravana ata Poio saltando o peche perimetral
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio tramitou durante a pasada ponte festiva varias denuncias, a maioría delas pola non utilización da máscara de protección, cuxo uso é obrigatorio. Entre elas, destaca a denuncia tramitada contra un home que se negou á súa utilización mentres se atopaba na terraza dun establecemento situado na parroquia de San Salvador.
Asemade, tamén se localizou a unha autocaravana situada na área habilitada para este tipo de vehículos na Seca. Os axentes constataron que o seu propietario, residente en Málaga, saltou o peche perimetral para poder acceder a Poio, polo que se tramitou a pertinente denuncia. O corpo de seguridade constata que, en liñas xerais, apenas se produciron incidencias durante estes días.
Ademais, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, salienta a implicación e "comportamento exemplar" amosado polos profesionais do sector da hostalería que puideron empezar a utilizar as súas terrazas nos últimos días, logo do inicio da desescalada deseñada pola Xunta, que só permite o uso destes espazos ata as 17.00 horas e sen superar o 50% de aforo.
A edil do Goberno local salienta que a Policía Local levou a cabo inspeccións en varios locais de todo o municipio, sen que se detectase infracción algunha. "De feito, son moitos os profesionais que se puxeron en contacto coa propia policía para resolver dúbidas e cumprir cunhas restricións que a todas luces semellan inxustas para este sector, e que lle están a causar un gran agravio económico", engadiu.
Ademais de constatar que as terrazas só estaban dispoñibles ao 50% do aforo, os axentes tamén tiveron en conta outras cuestións, como o cumprimento do distanciamento entre mesas.