O investigador Ángel Carracedo participará este sábado na Xornada de Diversidade Sensorial Xuntos Avanzamos
Por Redacción
Este sábado 12 de decembro desenvolverase a IV Xornada de Diversidade Sensorial Xuntos Avanzamos, un evento que promove a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) e que conta coa colaboración da concellería de Benestar Social e a Deputación Provincial, con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con discapacidade o pasado 3 de decembro. A xornada celebrarase no Pazo da Cultura con aforo limitada a 15 persoas de maneira presencial e emitido en directo a través de Facebook Live.
Este evento incluirá diferentes actividades como charlas sobre a importancia evolutiva da diversidade sensorial; a creación cinematográfica en lingua de signos ou o estudo da poética e a gramática a través da visión dun estudante xordo.
Tamén se desenvolverá unha mesa redonda sobre o impacto da xordocegueira, o investigador Ángel Carracedo ofrecerá a súa visión sobre a necesidade de realizar traballos científicos nunha área pouca explorada e ademais presentarase a película 'Síndrome de Usher e hipoacusias infantís' cun peche das actividades a cargo do grupo Dalmatians que ofrecerá un concerto inclusivo.
Este mércores presentábase a programación a cargo de María Jesús Monterde, presidenta de Xoga; Olga García, deputada provincial de Cohesión Social; Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social e Tino Fernández, tenente de alcalde. Nesta presentación avanzaron que o acto contará nesta cuarta edición coa primeira entrega do Premio Xuntos Avanzamos que se destinará a tres colectivos que traballaron duramente a favor da diversidade sensorial durante a pandemia.
María Jesús Monterde explicaba que, con motivo da pandemia, quixeron centrar a xornada deste ano no aspecto socio sanitario onde, explicou, hai carencias moi importantes. Pola súa banda Marcos Rey sinalou que este evento converteuse nun referente tanto a nivel autonómico como nacional ao contar coa presenza dalgúns expertos de gran nivel en todas as cuestións relacionadas coa diversidade sensorial.
A xornada comezará ás 10.00 horas cun acto de apertura que dará paso á conferencia de Ángel Carracedo sobre a importancia evolutiva da diversidade sensorial. O experto internacional en Xenética e membro da Real Academia Galega de Ciencias é un dos principais atractivas da edición deste ano. A continuación, Veru Rodríguez, directora da plataforma en liña de entretemento e formación audiovisual en lingua de signos española falará sobre o cinema en lingua de signos. A mañá pecharase coa intervención de Rubén Nogueira, director académico da Biblioteca de Signos.
Durante a tarde, ás 16.30 o doutor Jorge Cameselle, médico do Centro de Atención Primaria de Cangas insistirá na necesidade de que as asociacións de persoas enfermas impulsen a investigación e ás 17.30 desenvolverase unha mesa redonda sobre o impacto da xordocegueira, moderada por Josefa Carballo Pombo e coa intervención da cantante Nuria Ruiz e de Sara Crespo, colaboradora na India da Fundación Vicente Ferrer. O acto finalizará coa entrega de premios ao Grupo de Illses, á Federación Nacional de Implantados Cocleares e á Federación Nacional de Xordocegueira, que dará paso ao concerto inclusivo do grupo Dalmatians.
Relacionadas:
-
A Deputación achega 10.000 euros a Esperanza Salnés para a atención a menores con diversidade sensorial
Por Redacción |
-
RADIO.- Máscaras 'con xanela' para eliminar as barreiras de comunicación
Por Marisa Ciordia |
-
Crean unha unidade didáctica para concienciar ao alumnado sobre a comunicación coa poboación xorda
Por Oskar Viéitez |