O PP pide que o 10% do orzamento municipal se destine a gasto social "para non deixar a ninguén atrás"
Por Natalia Puga & Anxo Lourido
O grupo municipal do PP de Pontevedra presentará unha moción no próximo Pleno da Corporación cun Plan de Compromiso Social polo que aspiran que o 10% do orzamento municipal para o ano 2021 se destine a gasto social para "non deixar a ninguén atrás" ante a situación "sobrevida" pola covid-19, que aumenta a demanda dos servizos sociais mentres non se incrementan os fondos para facerlle fronte.
A concelleira do PP Silvia Junco presentou este Plan, que recolle 13 medidas que cren que contribuirían a mellorar a vida dos pontevedreses en situación de vulnerabilidade. Para poder poñelo en marcha, faría falta que se destinase o 10% do orzamento municipal que se aprobe para o próximo ano.
Junco compareceu este mércores acompañada polo presidente do PP local, Rafa Domínguez, e sinalou que actualmente o Concello de Pontevedra destina a gasto social tan só 44 euros por habitante e ano, segundo un estudo da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, con datos de 400 cidades.
Esta asociación establece que a Excelencia Social sitúase en 100 euros prol habitante e ano, de modo que Pontevedra é, segundo denunciou, un "concello en precario", un dos españois con menor gasto social.
Silvia Junco pediu ao Concello un "esforzo extraordinario" e enumerou as súas 13 propostas para mellorar a atención aos pontevedreses en situación de vulnerabilidade e que máis están a sufrir a crise derivada da pandemia da covid-19.
Estas propostas inclúen reforzar a persoal da área de Servizos Sociais; incrementar a partida orzamentaria coas entidades sociais conveniadas do terceiro sector; unha dotación orzamentaria específica para unha convocatoria de subvencións para fins sociais; ou aumentar o convenio coa Federación de Pais de alumnos (FANPA). Neste punto, cren que hai que aumentar o diñeiro ata que se cubran todas as bolsas de comedor.
Outras propostas do PP son crear unha rede de voluntariado; duplicar a partida orzamentaria de axuda de emerxencia social ata alcanzar os 180.000 euros; crear un Plan de continxencia para financiar gastos derivados da covid-19; aumentar as partidas de Servizo de Axuda no Hogar e Teleasistencia domiciliaria; crear unha partida específica para axuda de alugueiro dirixida ás persoas en situación de vulnerabilidade; ou crear unha liña de axudas para reducir a factura enerxética.
Un programa de aulas infantís de apoio escolar e familiar; a posta en funcionamento dun piso de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero; e un plan local de emprego centrado en persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 e menores 30 anos completan a lista de axudas.
RESPOSTA DE TINO FERNÁNDEZ, TENENTE DE ALCALDE
A estas propostas do Partido Popular, respondía esta mesma mañá o tenente de alcalde Tino Fernández sinalando que aínda non teñen coñecemento por rexistro destas iniciativas do PP. En todo caso, mostrouse irónico afirmando que "sempre é unha alegría que o PP se poña a traballar porque levan meses desaparecidos".
Lamentou que o PP amose unha tendencia a desprestixiar o labor dos profesionais do ámbito da educación e do ámbito social aos que Tino Fernández aplaude porque en numerosas ocasións co seu traballo cobren cuestións que debería abordar a Xunta de Galicia, gobernada polo PP.
Tamén asegurou, que a falta dun estudo detido, estas propostas demostran descoñecemento por parte dos populares xa que o convenio da FANPA se incrementou economicamente a través dun acordo cos dirixentes da propia federación e que tamén duplicaron o investimento en materia de emerxencia social, sobre todo para cubrir competencias que pertencen á Xunta, afirmou o concelleiro socialista.
Reclamou aos populares que realicen traballo dentro do seu propio partido e soliciten aos dirixentes da administración autonómica que asuman as súas competencias. Como exemplo falou da Unidade de drogodependencias que financia o Concello e ofrece un servizo comarcal, cando debería asumilo a Xunta de Galicia. Tamén lembrou que a limpeza especial dos colexios con motivo da pandemia están sendo asumida polo Concello cun investimento a maiores de 400.000 euros, cando debería corresponder ao goberno autonómico, segundo apunta Tino Fernández.
Relacionadas:
-
O PP denuncia unha "deficiente xestión" dos servizos sociais que provoca listas de espera de catro meses e baixas encadeadas
Por Natalia Puga |
-
A Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra deixará de estar xestionada polo Concello e pasará ao Sergas
Por Redacción |
-
O espírito do Nadal pasa de longo do Pleno de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O PP de Pontevedra esixe ao Goberno que asuma os seus plans económicos para apoiar o orzamento municipal
Por Oskar Viéitez |
-
O PP instará en pleno a que o Concello reclame ao Goberno máis dotación económica que a orzamentada
Por Redacción |