Facilitan a tramitación da solicitude do ingreso mínimo vital
Por Redacción
O Concello de Poio e o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) chegaron a un acordo para axilizar os trámites das persoas que queiran solicitar o ingreso mínimo vital, establecido polo Goberno central a través da lei 20/2020 do 29 de maio, coa intención de reducir o impacto económico provocado pola crise da covid-19.
Os solicitantes teñen que achegar o certificado de convivencia de padrón de habitantes para estes trámites. Ata o de agora, a solicitude deste certificado había que formulala no Concello polas persoas que optasen á petición do ingreso mínimo vital. Co novo acordo, a partir de agora será o organismo estatal quen solicite directamente esta información ao Concello e, desta forma, aforrarase un trámite á cidadanía e simplifícase o procedemento. Desta forma, Poio iguálase a Vigo ou a Pontevedra, que xa non obrigan a acudir ás oficinas municipais para reclamar ese documento.
Desde o verán na Casa Rosada atópase un punto de apoio ao dispor das persoas solicitantes deste ingreso, que terán que levar toda a documentación necesaria e co modelo de documento de acreditación de vontade. A concellería de Benestar Social instalou un computador nas dependencias para a realización do trámite coa axuda dunha traballadora municipal no caso de que se presenten dúbidas.
Este servizo pódese solicitar a través de cita previa, chamando ao 986.772.401. Neste punto de apoio, segundo o Concello de Poio, non se tramitan reclamacións nin se determina se a persoa solicitante ten dereito ao ingreso mínimo vital. Para este caso, desde o goberno local pide que se realicen as consultas na páxina web da Seguridade Social ou no teléfono 900.202.222.