A Rúa do Arco, lugar elixido para un novo albergue turístico no centro histórico
Por Alejandro Espiño
Un novo edificio do centro histórico de Pontevedra será rehabilitado con fins turísticos. Nesta ocasión non será para vivendas, como o proxecto previsto en Enfesta de San Telmo, senón para acoller outro establecemento do sector, un albergue para turistas.
Esta iniciativa, que acaba de recibir licenza por parte do Concello de Pontevedra, está previsto na Rúa do Arco número 4, nas inmediacións da Praza da Pedreira.
Na rehabilitación deste inmoble, que ten baixo e dúas plantas, os promotores prevén investir 91.827 euros, segundo consta no proxecto presentado.
O edificio ten 46 metros cadrados de superficie construída por planta e a superficie útil de cada unha delas oscila entre os 37,97 metros cadrados do baixo e os 41,16 metros cadrados da súa primeira planta. A segunda planta ten 40,20 metros cadrados.
Polo momento, descoñécese cantas prazas de aloxamento terá este novo albergue.
LICENZA PARA KFC
O goberno municipal informou tamén de que os seus servizos urbanísticos deron licenza de obra para a construción do restaurante que a multinacional KFC abrirá proximamente na Avenida de Lugo.
En concreto, nesta actuación a compañía investirá 450.750 euros. Antes de construír o restaurante, a firma deberá demoler o lavado de coches que ocupa actualmente a parcela que adquiriron para iniciar a súa aventura empresarial na cidade.