A área sanitaria baixa do milleiro de casos activos de Covid por primeira vez desde o 30 de outubro
Por Diego Espiño
Desde o día 30 de outubro a área Sanitaria de Potevedra e O Salnés non baixa a barreira dos 1.000 casos activos de coronavirus. Por aquel entón o Servizo Galego de Saúde (Sergas) reportaba 940 infeccións activas, mentres que este domingo 6 de decembro a cifra situouse nos 990 casos.
Esta baixada supón contar con 35 casos menos que o sábado, tras unha xornada na que se detectaron 36 novos contaxios pero na que se deron ata 71 altas epidemiolóxicas, o que fai descender un día máis as estatísticas.
O que se mantén estable nesta ocasión é a presión hospitalaria, con 51 pacientes ingresados na comarca, 42 deles en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (35), o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (4) e o Hospital do Salnés (3), mentres que 9 persoas evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.
Desde o inicio da pandemia superaron a Covid un total de 4.656 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 60 falecementos asociados ao virus, o último este mesmo sábado en Montecelo, un home de 95 anos.
En canto ás probas PCR, nas últimas 24 horas realizáronse 852, que se engaden ás 95.314 efectuadas con anterioridade.
DATOS DE GALICIA
A nivel autonómico o total de pacientes con infección activa é de 6.726, o que supón un descenso de 222 casos. Deles 342 atópanse hospitalizados en planta (+5) e 64 evolucionan na Unidade de Coidados Críticos (+3).
Nas últimas horas en Galicia confirmáronse 277 contaxios a través de probas PCR e faleceron 4 persoas, o que sitúa en 1.250 o número mortes asociadas á pandemia.
Vigo mantense a área sanitaria galega cun maior número de casos activos de Covid (1.800), seguida da Coruña (1.376), Pontevedra (990), Lugo (788), Santiago (784), Ferrol (586) e Ourense (402).